A comarca de Ourense lidera a rexeneración laboral iniciada en 2014, coa creación neta de 2.580 empregos

Manuel Baltar destaca que o 8º informe do Observatorio Económico Ourensán reflicte que a capital e o seu cinto industrial “impulsan 2 de cada 3 novos empregos que se crean na provincia”, “unha provincia que se está a recuperar laboralmente logo dunha etapa de crise importante”

Baltar afirma que o Observatorio “sérvenos para deseñar, aplicar e executar as mellores políticas públicas posibles, froito do cal puxemos en marcha na Deputación plans innovadores como os de axudas á Natalidade, Empregabilidade e mocidade”

O Observatorio subliña que 8 dos 12 municipios da comarca ourensá xeran emprego neto, entre eles a capital, que xa acumula dez trimestres sen ceder o chanzo das 35.000 afiliacións

Ourense, 7 de marzo de 2017.- A comarca de Ourense está a liderar o ciclo de rexeneración laboral iniciado en 2014, coa creación neta de 2.580 empregos. Así o reflicten os datos do Observatorio Económico Ourensán referidos ás comarcas de Ourense, Allariz e Maceda, presentados hoxe nun acto celebrado no salón de actos do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o profesor da Universidade de Vigo Andrés Mazaira, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.

 

Manuel Baltar destacou que este oitavo informe do Observatorio reflicte que a capital e o seu cinto industrial “impulsan dous de cada tres novos empregos que se crean na provincia”, “unha provincia que se está a recuperar laboralmente logo dunha etapa de crise importante”. Baltar afirmou que o Observatorio “sérvenos para deseñar, aplicar e executar as mellores políticas públicas posibles, froito do cal puxemos en marcha na Deputación plans innovadores como os de axudas á Natalidade, Empregabilidade e mocidade”

O 67,1% dos novos empregos que se crean na provincia están a xurdir desde a comarca de Ourense, segundo se desprende da análise realizada polo Observatorio Económico Ourensán para cuantificar as diferentes velocidades de rexeneración laboral existentes na provincia. O punto de inflexión do mercado de traballo ourensán ten unha data moi concreta, o mes de marzo de 2014, que deparou o final da crise desde a perspectiva laboral e o arranque da recuperación dos mercados locais.

Entre marzo de 2014 e decembro de 2016, a comarca de Ourense achegou dous de cada tres novos empregos, ata totalizar un saldo neto de 2.580 postos de traballo (diferenza entre os empregos creados e os desaparecidos no período de estudo). A contribución que están a realizar a capital, a súa contorna empresarial e industrial, e o resto da comarca, sitúase 16 puntos porcentuais por encima da que lle correspondería en función da súa dimensión laboral, xa que concentran o 51,03% dos empregos existentes no conxunto da provincia.

As outras dúas comarcas máis activas no actual ciclo de rexeneración son Valdeorras, que asina o 7,8% dos novos empregos provinciais, e Carballiño, cunha achega do 7,2%. Sen embargo, ambas achegas están por debaixo das potencialidades que presentan estes dous territorios, segundo matiza o Observatorio. Atendendo á dimensión dos seus mercados de traballo, a contribución tería que situarse no 8,1 en Valdeorras e no 8,2% en Carballiño, que acusa unha maior desviación.

Máis afastados dos obxectivos que veñen marcados polo censo de afiliacións atópanse as comarcas de Verín e A Limia. A primeira só impulsou o 1,7% do emprego neto provincial e a segunda o 2,8%, cando por dimensión dos seus mercados de traballo terían que situarse en preto do 6,5% cada unha.

En senso contrario, Allariz-Maceda está a lograr un bo protagonismo nesta fase de recuperación laboral, ao propiciar un 5,3% de emprego neto, no cuarto posto do ránking provincial e cun diferencial positivo de 1,3 puntos porcentuais sobre a media provincial (4,02%) de creación neta de emprego no período comprendido entre marzo de 2014 e decembro de 2016.

Outras comarcas, en especial A Baixa Limia e Terra de Trives, tamén presentan unha salientable evolución no ciclo da rexeneración laboral, pero ponderan menos sobre os totais da provincia por tratarse de mercados de traballo cativos. Desde o inicio da recuperación, o mercado laboral da Baixa Limia creceu un 4,8% (segunda mellor marca, só superada polo 5,4% que anotou a comarca de Ourense), e o de Terra de Trives un 2,7%.

As velocidades da rexeneración laboral.

            Crecementos do emprego neto na provincia de Ourense. Datos en porcentaxes

            Período: marzo de 2014 a decembro de 2016

 

Comarca                     Afiliacións marzo 2014              Afiliacións decembro 2016     Taxa de variación

1.- Ourense 48.111 50.691 5,4%
2.- A Baixa Limia 1.738 1.822 4,8%
3.- Allariz-Maceda 4.361 4.563 4,6%
4.- Valdeorras 7.778 8.079 3,9%
5.- Terra de Celanova 4.633 4.799 3,6%
6.- Carballiño 7.891 8.169 3,5%
7.- Terra de Trives 1.279 1.314 2,7%
8.- A Limia 6.046 6.153 1,8%
9.- Viana 1.741 1.765 1,4%
10.- Verín 6.466 6.533 1,0%
11.- Terra de Caldelas 927 932 0,5%
12.- O Ribeiro 4.511 4.507 -0,1%

 

As afiliacións atendendo ao municipio no que está empadroado o traballador sitúan como resultado de 2016 un crecemento do 1,6% na comarca de Ourense, unha décima porcentual por encima da media da provincia. No acumulado dos dous últimos anos completos, a creación neta de emprego acada o 2,9%. Por primeira vez desde 2011, prodúcese un peche anual sobrepasando a barreira dos 50.000 afiliados na comarca.

Oito dos doce municipios que comparten unidade territorial son xeradores de emprego, entre eles o propio concello de Ourense, que saldou 2016 ampliando nun 1,5% o seu mercado de traballo. Ademais xa acumula dez trimestres consolidando os 35.000 afiliados. En decembro sumaba 36.453, co que xa precisa recuperar menos dun 10% de emprego (en concreto un 9,9%) para volver aos niveis de récord nos que andaba a finais de 2007, moi preto dos 40.500 empregos.

En proporción, os concellos desta comarca que crearon máis emprego neto o ano pasado foron San Cibrao das Viñas (5,2%), Amoeiro (4%), Barbadás (3,3%) e Taboadela (2,8%). Os tres mercados de traballo máis dimensionados despois do que corresponde ao municipio de Ourense están agora mesmo practicamente en niveis máximos de emprego entre os seus residentes. San Cibrao das Viñas e Barbadás presentan hoxe máis fortaleza laboral que antes do inicio da crise, ao crecer nas afiliacións un 25,7% e un 14%, respectivamente, desde decembro de 2007. Mentres, Pereiro de Aguiar achégase aos niveis que tiña naquelas datas, de novo a un paso dos 2.400 afiliados.

Polo contrario, os tres únicos concellos que non se instalaron entre os xeradores de emprego de 2016 foron Vilamarín, Coles e Esgos, pero nos tres casos por estreito marxe, xa que as diminucións nas afiliacións no cómputo do ano movéronse entre o 1,1 e o 2%.

Xa na comarca de Allariz-Maceda, o emprego local medrou un 1% no último ano, medio punto porcentual menos que no conxunto da provincia. Na comparativa desde 2013, a taxa acumulada acada o 4%. As dúas cabeceiras, Allariz e Maceda, foron en termos absolutos os maiores impulsores de novo emprego, categoría que tamén conquistou Paderne de Allariz.

Coa progresión actual, Maceda poderá recuperar o vindeiro ano o milleiro de afiliacións, chanzo que non consigue desde xuño de 2008. Pola súa banda, Allariz suma once trimestres consecutivos sen ceder a barreira das 2.000 afiliacións.

O único concello que se afastou en negativo da tendencia xeral da comarca foi Xunqueira de Espadañedo, que o ano pasado sufriu unha caída do 6,8% nas afiliacións, o terceiro descenso máis forte da provincia, só superado polos de Vilar de Barrio (-9,2%) e Leiro (-7,3%). Mentres, Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía rexistraron diminucións leves, inferiores ao 1%.

No tocante á comarca de Terra de Caldelas, en 2016 anotou a rexeneración laboral máis feble da provincia (0,2%), si ben no acumulado dos dous últimos anos avanza ata o 2,6%. Conta actualmente con dous xeradores de emprego: Parada de Sil (4,1% de incremento neto do emprego) e Castro Caldelas (1,2%). A comarca cedeu en decembro de 2012 o nivel das mil afiliacións.

Esta oitava edición do Observatorio Económico Ourensán inclúe entre as súas novidades un estudo sobre os índices de concentración laboral que exercen as cabeceiras sobre as súas respectivas comarcas. Esta análise amosa diferenzas moi significativas. A cabeceira con maior peso relativo sobre a unidade comarcal é o concello de Ourense, que sostén o 71,9% do emprego. Outras cinco capitalidades locais presentan un peso relativo superior ao 50%. Son Verín, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Pobra de Trives e Xinzo de Limia. Pechan este ránking Bande, cun índice de concentración do emprego comarcal situado no 22,4%, e Celanova co 35,6%.

Índices de concentración laboral das cabeceiras de comarca.

            Datos en porcentaxes

 

Concello                      Índice de concentración

1.- Ourense 71,9
2.- Verín 57,8
3.- O Carballiño 57,0
4.- O Barco de Valdeorras 56,2
5.- Pobra de Trives 53,3
6.- Xinzo de Limia 52,3
7.- Viana do Bolo 49,1
8.- Castro Caldelas 45,8
9.- Allariz 45,6
10.- Ribadavia 37,0
11.- Celanova 35,6
12.- Bande 22,4

   

Afiliacións por centro de traballo

Dentro da nova análise que incorpora o Observatorio Económico Ourensán na súa oitava edición, a das afiliacións tendo en conta o lugar no que se atopa a conta de cotización das empresas e dos centros de traballo -non en función do domicilio de empadroamento do traballador-, as tres comarcas que protagonizan esta presentación de resultados lograron incrementar os seus respectivos mercados laborais no último ano. A comarca de Ourense, na que están asentados un total de 62.235 empregos, anotou en 2016 un incremento do 1,6%; Allariz-Maceda do 1,8%; e Terra de Caldelas do 2,9%.

Na primeira, as empresas e os centros de traballo situados dentro do municipio de Ourense sosteñen un total de 46.561 empregos (con datos ao peche de 2016). En 2016 lograron unha creación neta de 642 empregos, equivalentes ao 65,5% dos que impulsou toda a comarca. O segundo mellor rexistro foi para San Cibrao das Viñas, cun saldo positivo de 283 novos empregos. Entre os concellos de Ourense e San Cibrao xeraron o 94,4% do crecemento total da comarca.

Tamén foi salientable a achega de Vilamarín, que con 46 afiliacións de balanzo positivo liderou os crecementos en porcentaxes, cunha taxa de variación interanual do 9,5%. San Cibrao, municipio no que se asentan 7.234 empregos, tamén foi segundo neste ránking, cun auxe interanual do 4,1%.

Así mesmo presentaron evolución positiva os concellos de A Peroxa (3,8% de incremento no cómputo de 2016), Amoeiro (1,5%), Ourense (1,4%), Toén (1,2%) e Pereiro de Aguiar (0,4%). O cuarto municipio -despois de Ourense, San Cibrao e Pereiro de Aguiar- por volume de postos de traballo, Barbadás, contabilizou practicamente a mesma cifra que a finais de 2015 (2.274 empregos en 2016 e 2.276 en 2015).

Pola súa banda, na comarca de Allariz gañaron emprego os concellos de Maceda (4,1%), Xunqueira de Espadañedo (4,1%), Allariz (2,3%) e Xunqueira de Ambía (0,4%). Entre Maceda e Allariz ampliaron en 57 o número de postos de traballo comarcais.

En Terra de Caldelas, a cabeceira comarcal impulsou un 4,3% de emprego de nova creación e Parada de Sil un máis que significativo 11,2%, si ben froito de pasar de ter 89 a 99 postos locais.

Perdas de poboación

As tres comarcas que centran esta presentación perderon poboación no último ano, incluíndo a capital e a súa área metropolitana, que rexistraron un descenso do 0,3%. En Allariz-Maceda a caída anual foi do 1,4% e en Terra de Caldelas do 2,4%. Na comparativa desde o 2000, a comarca de Ourense e a única da provincia que gaña habitantes, en concreto o 1,5%, o que contrasta co 8,9% de diminución que acusa Allariz-Maceda e especialmente co 34,9% de perda en Terra de Caldelas.

A poboación da comarca ourensá estaba fixada en 144.372 habitantes a 1 de xaneiro de 2016. Nela reside o 45,85% da poboación provincial. O seu peso en termos demográficos no conxunto da provincia ten diminuído en 4,32 puntos fronte á que presentaba 15 anos atrás. Os 105.893 residentes da capital supoñen o 73,34% do total da poboación da comarca e o 33,63% do total provincial. Aquí localízanse os dous únicos concellos ourensáns que presentan crecemento poboacional na triple comparativa cos anos 2015, 2010 e 2000: Barbadás (+1,67%, +10,51 e +66,45%) e San Cibrao das Viñas (+1,53%, +13,40% e +39,53%). En termos interanuais tamén Amoeiro logra un balance positivo (+0,85%).

A comarca de Ourense rexistra a menor idade media, situada nos 46,6 anos, e a menor taxa de envellecemento (195,85%) da provincia. En Allariz-Maceda a idade media está en 51,4 anos e o grao de envellecemento no 354,1%, mentres que en Terra de Caldelas ambas variables son de 59 anos e do 1.032,1%, converténdose na primeira e única comarca ourensá en superar a proporción de 1.000 maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16 anos.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email