Comeza unha nova edición da “Ourense Strade Termal” que leva a preto de 400 inscritos pola Baixa Limia e Tourem

Comeza unha nova edición da proba cicloturista “Ourense Strade Termal” que levará aos preto de 400 inscritos pola riqueza natural e paisaxística da Baixa Limia e da fermosa vila de Tourem, en Portugal. A xerente do Inorde, Emma González, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, estiveron hoxe en Lobios, para acompañar aos deportistas na saída desta proba que forma parte do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo.

Esta cuarta edición conta, ademais, cun padriño de excepción, o exciclista, podium en Tour de Francia e La Vuelta España, Fernando Escartín, que luciu o dorsal número 1 na súa bicicleta e completará o percorrido Gran Fondo polo Xurés.

“Ourense Strade Termal” é unha proba organizada polo Inorde, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, mediante un convenio de colaboración entre ambas administracións que ten como obxectivo “promocionar o noso potencial turístico a través do deporte, e que nos permite atraer a numerosos visitantes a esta fermosa comarca que, tras participar na Strade Termal, seguramente volverán ao noso territorio para gozar da nosa natureza, gastronomía, patrimonio e termalismo”, salientou a xerente do Inorde, quen engadiu que este tipo de eventos “permiten desestacionalizar a oferta turística e dinamizar a vida económica e social da nosa provincia”.

Este ano, como novidade, uníronse por primeira vez á proba os concellos de Entrimo, Lobeira, Bande e Calvos de Randín, que xunto aos concellos que xa forman parte da historia da proba como son Lobios e Muíños, “ofrecerán unha panorámica inesquecible da riqueza natural e paisaxística que lle pode ofrecer a nosa provincia aos visitantes”, dixo Emma González. Ademais, os cicloturistas pasarán a fronteira de Portugal pola fermosa vila de Tourem, e degustarán, grazas á Cámara Municipal de Montalegre, os famosos pasteis de nata, un símbolo que se repite cada ano na “Ourense Strade Termal”.

A proba ofreceu aos participantes a posibilidade de inscribirse en dous percorridos: un gran fondo de 132 quilómetros e 1800 metros de desnivel e outro de medio fondo de 89 quilómetros e case 1500 metros de desnivel que farán desta edición unha das máis duras dos últimos anos. En total serán máis de 7 quilómetros de sterrato distribuídos en 4 tramos diferentes que farán aínda máis duro un percorrido sen apenas un metro de descanso.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email