CASTRELO DE MIÑO, SEDE DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE REMO OLÍMPICO

O evento deportivo, organizado conxuntamente coa Federación Galega de Remo e a colaboración do INORDE, o Concello de Castrelo de Miño e o Club Náutico Castrelo de Miño, celebrarase do 12 ao 14 de xullo, para as categorías de Alevín, Infantil e Veterano

 Na competición daranse cita 888 deportistas de tódalas categorías e modalidades, procedentes de máis de 80 clubs de 9 Comunidades Autónomas.

Castrelo de Miño será a sede do Campionato de España de Remo Olímpico para as categorías de Alevín, Infantil e Veterano, os días 12, 13 e 14 de xullo. O evento está organizado conxuntamente coa Federación Galega de Remo e a colaboración do INORDE, o Concello de Castrelo de Miño e o Club Náutico Castrelo de Miño.

 

A presentación da competición tivo lugar nun acto no que participou o presidente do INORDE, Rosendo Fernández; a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción R. Loriente; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez; a presidenta do Club Náutico de Castrelo de Miño, Beatriz Alberte; e o director xeral de Caldaria, Javier Soto.

“Trátase dun evento importante para a provincia de Ourense, por ser sede dunha competición nacional na que se darán cita 888 deportistas de tódalas categorías e modalidades (200 alevíns, 414 infantís e 274 veteranos), procedentes de máis de 80 clubs de 9 Comunidades Autónomas diferentes”, salientou Rosendo Fernández, quen afirmou que “Ourense está na elite española dos deportes náuticos”.

 

A chegada dos clubs a Castrelo de Miño está prevista mañá xoves, 11 de xullo, mentres que a competición comezará o venres, 12 de xullo, a partir das 16.00 horas, coas eliminatorias da categoría alevín. O sábado, 13 de xullo, a competición terá lugar desde as 8.30 horas ás 13.30 horas e, pola tarde, desde as 16.00 ás 20.00 horas. Por último, o domingo, 14 de xullo, a xornada comezará ás 8.00 horas e rematará ás 14.30 horas, e nela disputaranse en primeiro lugar as semifinais e, posteriormente, as finais de tódalas modalidades. A entrega das medallas será a partir das 11.30 horas.

 

José Manuel Seijas destacou o pulo que supón o deporte para o sector turístico e económico das localidades que acollen este tipo de competicións. Así mesmo, a presidenta da Federación Española de Remo salientou a importancia “de volver a Castrelo de Miño que acollerá esta competición dos nenos que é a máis importante porque se trata do noso futuro”. Castrelo de Miño –engadiu Asunción R. Loriente- é “o sitio ideal para celebrar este evento”.

 

Pola súa parte, o alcalde de Castrelo de Miño dixo que tralas obras de mellora levadas a cabo nos últimos anos no parque náutico do municipio, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, “dispomos do mellor campo de regatas de España para a práctica do remo. Son moitos os clubs que veñen a adestrar e a competir ao parque náutico de Castrelo de Miño”. Asemade, Esteban Suárez lembrou que o municipio leva “36 anos acollendo campionatos de remo e esperamos continuar esta senda durante os vindeiros anos”.

 

O secretario xeral para o Deporte destacou “a aposta decidida” da Xunta de Galicia a prol do remo desde hai moitos anos e, neste 2019, “o orzamento da Federación Galega de Remo subiu case un 35% con respecto ao ano pasado”. Así mesmo, José Ramón Lete salientou que “temos 27 embarcacións surcando as augas de Galicia, das cales 21 son masculinas e 6 son femininas, en condicións de igualdade en tódolos aspectos”.

 

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email