O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde inicia a recollida dos ensaios de campo da pataca na finca Antela

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde iniciou a recollida dos ensaios de campo centrados na pataca, na finca que ten dito organismo en Antela, na comarca da Limia. A colleita comezou no campo de clons e variedades para frito industrial e industria da fécula que o Inorde realizou no presente ano en colaboración coa empresa LM Grupo Matutano, representante en España da produtora de semente de pataca Agrico, empresa de recoñecido prestixio a nivel mundial en referencia á creación e multiplicación de novas variedades de pataca.

Os datos que se recollan neste campo de ensaios serán moi útiles para a creación de variedades mellor adaptadas ás condicións agroclimáticas da provincia de Ourense, o que beneficiará a un colectivo de agricultores (produtores de pataca) receptivos ó emprego de novos cultivares de pataca porque ademais de aportarlle un maior rendemento á súa explotación, serán tamén capaces de mellorar a relación entre agricultura e medio natural ao ser menos esixentes en nutrientes e produtos fitosanitarios.

O técnico representante de LM Grupo Matutano, Juanjo Santamaría, salientou a alta aptitude para o cultivo de patacas con fins industriais que ten a comarca da Limia, así como o predominante lugar que esta ocupa dentro das estratexias de negocio da súa empresa.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email