O Inorde colabora coa LX Festa do Pulpo do Carballiño que estrea a distinción turística internacional

A xerente do Inorde, Emma González, participou hoxe, no Carballiño, na presentación do cartel da LX “Festa do Pulpo” da localidade coa que colabora o Inorde, e que vén de ser recoñecida como “Festa de Interese Turístico Internacional” e que este ano está dedicada ao Xacobeo.

Na presentación estivo o alcalde do Carballiño, a deputada provincial de Cultura, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, o secretario da Subdelegación do Goberno, entre outras autoridades e representantes de institucións privadas.

Emma González destacou que se trata “dunha das grandes celebracións gastronómicas da nosa provincia, que ensalza un dos produtos de referencia do noso territorio e da nosa Comunidade Autónoma e que, finalmente, tras anos de traballo conxunto logrou esta distinción, sendo agora xunto ao Entroido, os dous eventos ourensáns recoñecidos internacionalmente”.

“A enograstronomía é un dos catro recursos cabeceira que integran a marca turística “OU”, conscientes da capacidade de atracción que ten a calidade dos nosos produtos. Mostra delo é o pulpo que, xunto ao viño, son dous dos elementos estrela da oferta enogastronómica ourensá, ao ser uns dos máis valorados polos turistas que visitan a provincia de Ourense”, dixo Emma González.

Así mesmo, Emma González animou a que un ano máis, turistas e veciños saian a rúa para degustar “este selecto produto e a gozar do programa cultural e lúdico que o concello organizou para celebrar esta edición, o domingo 14 de agosto” .

A xerente do Inorde mostrouse convencida de que a chegada da Alta Velocidade a nosa provincia fará que este ano se congregue no Carballiño un maior número de visitantes atraídos por esta celebración.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email