O Inorde conmemorará o “Día Internacional dos Museos” cunha xornada de portas abertas nos seus espazos expositivos

O vindeiro martes, 18 de maio, con motivo desta efeméride, abrirase o Museo do traxe tradicional galego e o Museo do Automóbil – Fundación Estanislao Reverter na estación de Santa Cruz de Arrabaldo, o Museo Moncho Borrajo en Baños de Molgas e a Aula-Museo do Ferrocarril na estación dos Peares

Os interesados en coñecer estes espazos museísticos poderán visitalos desde as 17.00 ás 20.30 horas

Ourense, 15 de maio de 2021.-O Inorde conmemorará o “Día Internacional dos Museos”, o vindeiro martes, 18 de maio, cunha xornada de portas abertas nos seus espazos expositivos. Por elo, abrirase ao público, con motivo desta efeméride, o Museo do traxe tradicional galego e o Museo do Automóbil – Fundación Estanislao Reverter na estación de Santa Cruz de Arrabaldo, o Museo Moncho Borrajo en Baños de Molgas e a Aula-Museo do Ferrocarril na estación dos PearesOs interesados en coñecer estes espazos expositivos poderán facelo desde as 17.00 ás 20.30 horas.

Na estación de ferrocarril de Santa Cruz de Arrabaldo atópase o Museo do traxe tradicional galego que nace da necesidade de dar un espazo expositivo ao material etnográfico relacionado coa vestimenta tradicional que ao longo dos anos foi recuperando a Escola Provincial de Danza-Castro Floxo, integrada no Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense.

A mostra, en dous espazos claramente diferenciados e ilustrada cuns paneis informativos, ofrece en primeiro lugar unha selección de traxes tradicionais da segunda metade do século XIX e principios do século XX (uns orixinais e outros fieis reproducións) pertencentes aos diferentes estamentos sociais, dende os ricos traxes de gala ata a humilde indumentaria dos labregos.

Nunha segunda sala realízase unha viaxe polo proceso de elaboración dos tecidos (liño e la), dende a obtención da materia prima ata a súa transformación nunha tea, pasando pola preparación para o fiado, o fiado, o traballo no tear, cunha ampla mostra de material empregado para este traballo.

Así mesmo, nesta estación tamén se pode visitar o Museo do Automóbil – Fundación Estanislao Reverter, no que se recolle o legado deste destacado piloto de rallys, un dos pais do automobilismo galego, falecido en 1991. O Museo recolle a traxectoria deportiva de  Estanislao Reverter e nel expóñense parte dos fondos da Fundación Estanislao Reverter. 

O Museo consta de dúas plantas: na planta  superior faise un percorrido pola vida deportiva de “Lalao” desde os seus inicios, no ano 1955, ata o seu último  Rallye en 1975 onde a través de fotos, trofeos, placas, regulamentos e rutometros, rodas dos seus vehículos, a maqueta restaurada por Marcial López do Circuíto do Noroeste e diverso material, repásanse os vinte anos en activo como piloto. E, a planta baixa dedícase ás outras facetas de “Lalao”: creador do  Rallye de Ourense e fundador de Escudaría Ourense, promotor de pilotos co seu equipo Reverter Competición e  construtor do mítico Alpinche. Conta cun  Goggomobil, trofeos, unha colección de coches en miniatura de parte de vehículos cos que correu  Estanislao, cascos de diferentes épocas, revistas, libros, monos de competición e diversas distincións entre a que destaca a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo e a distinción ao Mérito Constitucional.

Na Estación de ferrocarril de Baños de Molgas, os visitantes poderán coñecer o Museo Moncho Borrajo, un espazo cultural que recolle a totalidade do legado do artista, con material de atrezzoutilizado polo artista ao longo da súa carreira, premios, obxectos persoais, pinturas, curiosidades así como documentación sobre a súa vida e as súas obras; os artigos máis representativos da vida cultural e persoal do actor ourensán nado en Baños de Molgas. Ademais da súa biblioteca persoal con máis de 3.000 libros. Na sala de Exposicións, que está situada na planta baixa, amósase o legado pictórico persoal do artista con obras de Dalí, Sorolla, Laxeiro,… ademais de exposicións rotativas temáticas.

Por último, na Estación dos Peares atópase a Aula-Museo do Ferrocarril, unha exposición permanente sobre a historia do ferrocarril en Ourense, situada no antigo peirao de mercadorías. A aula do ferrocarril, concibida como un espazo único, está organizada en seis bloques temáticos. Nela os visitantes poden gozar dunha interesante exposición sobre a historia do ferrocarril, con especial atención á estación de Os Peares: infraestruturas como aparellos e elementos de vía, sinalización, electrificación…; lampistería (farois de iluminación de locomotoras, estacións, sinalización…). A colección conta ademais con elementos de comunicación (centrais, reloxos…) uniformes, e complétase con modelismo, xoguetes e arte. Ademais, incorporouse unha nova peza histórica a esta exposición: unha mesa de encravamento da Estación Ourense Empalme.

Estes “Museos das estacións” de tren que o Inorde ten arrendadas a ADIF, foron rehabilitadas co proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Interreg III-A España – Portugal FEDER. O obxectivo da rehabilitación destas estacións foi convertelas en enclaves para a revitalización económica, social e cultural das áreas que a forman, convertendo estas zonas en espazos de lecer, ecoturismo, turismo activo natural e cultural a través da recuperación e potenciación das rutas da Vía da Prata e os camiños portugueses, así como as vías xacobeas e a Vía Nova. Todo isto foi posible grazas á vinculación histórica das estacións cos espazos nos que se establecen, que lles confiren un gran atractivo patrimonial e ambiental converténdoas en factores de gran interese para o desenvolvemento destas comarcas.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email