O Inorde e a Cámara Municipal de Montalegre impulsan un proxecto piloto sobre a pataca de semente

A xerente do Inorde reuniuse con representantes desta institución para abordar esta nova iniciativa colaborativa baseada na realización de actividades conxuntas para reflotar o cultivo da pataca de semente en Montalegre que repercutiría nunha redución dos custos de transporte e  almacenamento deste tipo de pataca para os agricultores ourensáns

Ourense, 24 de marzo de 2021.-O Inorde e a Cámara Municipal de Montalegre impulsan un proxecto piloto sobre a pataca de semente, así o acordaron na reunión mantida esta mañá na institución lusa representantes de ambas entidades. O presidente da Cámara Municipal de Montalegre, Orlando Alves, recibiu á delegación do Inorde conformada pola xerente e polo técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, Emma González e Servando Álvarez, respectivamente, nunha xuntanza na que tamén participaron o vicepresidente da Cámara Municipal de Montalegre, David Teixeira, e membros da Cooperativa Agrícola do Barroso.

A vontade da Cámara de Montalegre está a ser a recuperación desta actividade económica e social mediante o apoio e fornecemento da Cooperativa Agrícola do Barroso. Por elo, tendo en conta a relación do Inorde con esta institución e considerando o papel deste organismo no tecido agrícola da provincia de Ourense, “considerouse convinte a realización de actividades conxuntas para reflotar o cultivo da pataca de semente en Montalegre dende o punto de vista de que a posibilidade de que a principal comarca produtora de patacas de Galicia, a Limia con máis de 120.000 Tm anuais, puidera acceder de xeito vantaxoso a unha pataca de semente de boa calidade e producida a menos de 50 quilómetros, o que claramente reduciría os custos de transporte e almacenamento e permitiría aos agricultores ourensáns reducir os custos de produción”, explicou a xerente do Inorde.

Con este proxecto “conseguiríamos reforzar a economía circular e reducir a pegada de carbono da nosa produción”, sinalou Emma González. Así mesmo, esta actividade colaborativa conformaríase nunha perfecta simbiose transfronteiriza que reforzaría os xa existentes lazos entre arraianos.

As conversas e actividades colaborativas xa comezaron en campañas anteriores, sen embargo a situación pandémica que estamos a vivir condicionou a supresión de actividades previstas, tanto para o pasado ano como para a vindeira campaña, tales como formación, visitas de agricultores ourensáns ás fincas de cultivo, ensaios de campo nas fincas do Inorde, visitas a entidades de semente españolas, entre outras.

As relacións do Inorde coa Cámara Municipal de Montalegre son, sen dúbida, “moi favorables para ambas partes, tendo en conta o longo historial de colaboración institucional que mantemos desde hai tempo”, salientou David Teixeira, quen lembrou que a Cámara Municipal de Montalegre é socio preferente en moitos do proxectos INTERREG que o Inorde desenvolveu nos últimos anos ou está a levar a cabo na actualidade (e viceversa) en ámbitos como turismo, cultura, deportes, territorio e poboación, temas que centraron a relación entre ambas institucións de xeito continuado.

O territorio de Montalegre é fundamentalmente rural cunha economía que ten as súas raíces nunha gandería de alta calidade e nun aproveitamento do sector forestal intrinsecamente vinculado ás actividades silvícolas e de lecer. Historicamente, toda a zona representada por esta Cámara Municipal foi produtora de patacas de semente da alta calidade, pero os condicionantes dun mercado moi cambiante e as complicacións fitosanitarias asociadas á aparición de pragas causaron un paulatino abandono do cultivo.

Print Friendly, PDF & Email
In this article:
Share on social networks:
Print Friendly, PDF & Email