O Inorde colabora na difusión do proxecto “Conecta a túa empresa a Europa” do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Tecnópole presenta a rede EEN-Galactea Plus cos servizos que dende o Parque Tecnolóxico de Galicia presta a todo o tecido empresarial galego a través da Enterprise Europe Network para promover a súa competitividade a escala internacional. Trátase da maior rede do mundo de información e asesoramento a pequenas e medianas empresas.

Xunto coa Axencia Galega de Innovación (Gain), Tecnópole é a entidade de referencia da rede en Galicia a través de Galactea Plus, o consorcio que dá cobertura á rede no noroeste de España, coa participación doutras sete entidades de Asturias, Cantabria e Castela e León.

Así, Tecnópole traballa conxuntamente coas máis de 600 entidades de máis de 60 países que forman parte da Enterprise Europe Network. O seu obxectivo é multiplicar as oportunidades de éxito das pemes, combinando a experiencia no mercado internacional que ofrece a rede no seu conxunto co coñecemento do ámbito máis inmediato que achegan as entidades locais que, como Tecnópole, funcionan como nodos.

As empresas poden a través dela, e de forma gratuíta, facer consultas sobre lexislación, fiscalidade, instrumentos de axuda, etc. no ámbito comunitario. Tecnópole tamén realiza tarefas de promoción da cooperación empresarial, como a organización de encontros entre pemes e a xestión de ofertas e demandas de colaboración no territorio que abrangue o consorcio Galactea Plus. Ademais, recolle e transmite á Comisión Europea as inquietudes e suxestións das empresas en relación co mercado e a regulación comunitarios.

Con este fin desenvolve unha colaboración activa cos principais actores rexionais para difundir estas oportunidades coas que internacionalizar pequenas e medianas empresas que polo seu tamaño non teñen capacidade para destinar recursos a expansión da súa actividade internacional. Froito destas colaboracións, e a través do INORDE, indexou na web deste organismo un banner que leva a aquelas pemes con interese no proceso de internacionalización á información do site do consorcio Galactea Plus, a principal ferramenta de comunicación entre socios e entre socios e pemes.

O site contén información europea, actividades do consorcio, historias de éxito, próximos eventos internacionais e información relevante sobre a rede Enterprise Europe Network.

http://www.galacteaplus.es/servicios/

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email