Cuenca valora o modelo turístico ourensán de recuperar antigas estacións ferroviarias


Manuel Baltar acompañou ao presidente da Deputación de Cuenca, Benjamín Prieto, na súa visita ás instalacións rehabilitadas polo Inorde en Santa Cruz de Arrabaldo, agradecendo o interese do seu homólogo “por este proxecto que pon en valor o tren, o rural e as tradicións”

O presidente do goberno provincial destacou o éxito que na provincia de Ourense están a ter iniciativas que relacionan o ferrocarril e o turismo, como os “trens termais”, para promocionar o termalismo, ou os trens da ruta do viño, cunha ocupación do 100 %

Ourense, 18 de febreiro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañou ao seu homólogo de Cuenca, Benjamín Prieto, na súa visita á provincia de Ourense, viaxe que realizou o presidente conquense con membros do seu equipo para coñecer o modelo de promoción turística levado a cabo polo Inorde coa recuperación de antigas estacións de ferrocarril, convertidas hoxe en museos, albergues e centros de ocio e cultura. En concreto, Baltar e Prieto percorreron as instalacións da estación de Santa Cruz de Arrabaldo, que acolle os museos do Traxe tradicional galego, e o da Fundación Estanislao Reverter, dedicado a esta emblemática figura do automobilismo ourensán.

 

Manuel Baltar agradeceu o interese de Cuenca, “que estuda levar a cabo no seu territorio un proxecto como este, que pon en valor o tren, o rural e as tradicións”, e destacou o éxito que na provincia de Ourense están a ter iniciativas que relacionan o ferrocarril e o turismo, como os “trens termais”, para promocionar o termalismo, ou os trenes da ruta do viño, que teñen unha ocupación do 100 %.

 

O presidente da Deputación de Cuenca, quen gabou o espírito de materialización do proxecto “Estacións Vivas”, tamén percorreu, acompañado polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, a Ribeira Sacra, a estación dos Peares -onde visitou a Aula do Ferrocarril-, e a estación de Baños de Molgas, que alberga o museo “Moncho Borrajo” e cuxas instalacións tamén acollen un albergue que ten desenvolvido campamentos temáticos de inmersión na lingua inglesa e actividades de ocio e formativas en creatividade audiovisual.

 

Manuel Baltar explicoulle a Benjamín Prieto que un dos valores do turismo da provincia de Ourense “é a súa singularidade, tanto pola súa riqueza natural e histórico-patrimonial como etnográfica”, e puxo como exemplo o termalismo, “ámbito no que o territorio ourensán é un referente en Europa en balnearios e en calidade das súas augas minero-medicinais.

 

“Potenciar a marca dun territorio –destacou Manuel Baltar- require que a promoción se sustente en algo tan sólido como a especialidade, a tradición e a satisfacción do visitante”. Trátase de ofrecer “instalacións pero tamén sensacións”, explica o presidente, “e a provincia de Ourense reúne características que a fan única como destino turístico, algo que estamos a promover en foros nacionais e internacionais porque unha das nosas maiores riquezas son os séculos de experiencia que temos”.