Inorde e Turismo de Galicia colaboran na promoción conxunta do xeodestino Manzaneda-Trevinca

A Veiga, 21 de xuño de 2016.- O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) e a Axencia de Turismo de Galicia achegarán 72.500 euros para a dinamización turística do xeodestino Manzaneda-Trevinca. Así se recolle no convenio de colaboración asinado esta mañá entre a directora do organismo autonómico, Nava Castro, e o presidente do INORDE, Rosendo Fernández. No acto tamén estiveron representantes dos concellos beneficiados.

As accións a desenvolver teñen como obxectivo valorizar o turismo nesta zona mellorando a cualificación dos recursos humanos, a imaxe e a política de comunicación, a promoción e a comercialización do destino e mediante o deseño e desenvolvemento de novos produtos baseados no turismo deportivo, ornitolóxico, astronómico, gastronómico, enolóxico, industrial, familiar, cultural e no ecoturismo.

O convenio, que estende a súa vixencia ata finais de ano, actuará no ámbito territorial dos concellos de A Pobra de Trives, A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras.

o relativo á cualificación dos recursos humanos, o acordo asinado permitirá realizar unha análise das necesidades formativas, establecer un plan de formación de guías intérpretes e impartir actividades para dotar ao persoal de coñecementos en novas tecnoloxías aplicadas ao turismo e á hostalería, en idiomas, en atención ao cliente e en mercadotecnia, promoción e comercialización.

Doutra banda, redactarase un plan de comunicación e outro para a xestión de marca e elaborarase un manual de identidade corporativa. Así mesmo, desenvolverase unha plataforma web e realizarase a xestión do blog do xeodestino e das redes sociais do mesmo, así como tarefas encamiñadas á mellora da reputación en liña. Tamén se editará material divulgativo e impulsaranse actividades audiovisuais.

No eido da promoción e comercialización, redactarase un plan de acción e realizarase un estudo de benchmarking, así como manuais profesionais de venda do xeodestino e un plan de familiarización para profesionais. Tamén se buscarán acordos cos operadores turísticos.

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email