O Inorde apoia a campaña de Nadal que están a desenvolver os comerciantes de Ribadavia

A iniciativa iniciada o pasado día 5 polos Establecementos Asociados do Ribeiro para potenciar o consumo do comercio local na vila, reunirá a 12 expositores de diferentes negocios este fin de semana no “Mercadiño de Nadal” 

O Inorde colabora co “Mercadiño de Nadal” que organizan para este fin de semana os Establecementos Asociados do Ribeiro, dentro da campaña que iniciaron o pasado día 5 con sorteos de  2.000 euros en cheques, distribuidos en 1 cheque de 500 euros, 10 de 100 euros e 10 de 50 euros para investir nos negocios que forman parte da asociación e potenciar así o consumo do comercio local na vila.

A presentación do evento tivo lugar hoxe en Ribadavia, acto no que participou o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; a xerente do Inorde, Emma González; a alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez; o presidente e a directiva de Establecementos Asociados do Ribeiro, Raúl Mato e Mariluz Expósito;  o vicepresidente da Federación de Comercio de Ourense, Camilo Sotelo; e as concelleiras de Ribadavia, Paula Prado e Maite Rodríguez.

A institución provincial colabora con esta iniciativa dos comerciante de Ribadavia a través da liña de axudas que abriu este ano o Inorde, por primeira vez, dotada con 50.000 euros para cooperar coas asociacións de comerciantes da provincia de Ourense, grazas á transferencia de crédito da Deputación de Ourense.

Esta convocatoria, da que foi beneficiaria o proxecto presentado pola asociación “Establecementos Asociados do Ribeiro” enmárcase “nese papel cooperativo que marca a folla de ruta da xestión do goberno provincial, apoiando as propostas do sector e fomentando a súa vez o asociacionismo no noso territorio”, dixo César Fernández. Coa posta en marcha, a través do Inorde, desta liña de axudas pretendemos “atender as necesidades que teñen as asociacións de comerciantes e axudarlles a realizar actividades que contribúan a reactivar o comercio de proximidade, que tan importante é na fixación de poboación do rural que se artella en torno a vilas coma esta”, engadiu o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense.

Pola súa parte, a xerente do Inorde insistiu na importancia desta convocatoria “aberta a todas as asociacións de comerciantes da provincia de Ourense, para apoiar non só as súas iniciativas que resultan vitais para o comercio local dos diferentes territorios, senón tamén para fortalecer o propio asociacionismo como ferramenta para impulsar a cooperación, tanto público-privada, como a do sector entre si”.

Mercadiño de Nadal

O “Mercadiño de Nadal” celebrarase os días 17 e 18 de decembro, desde ás 10.30 ás 22.00 horas, na alameda de Ribadavia. Nel daranse cita un total de 12 expositores de diferentes negocios. Ademais, o sábado, Papa Noel visitará a vila e percorrerá as súas rúas e, a partir das 18.00 horas, estará no mercado. Ao día seguinte, haberá tamén unha chocolatada solidaria en colaboración con Cruz Vermella.

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email