O Inorde promociona o itinerario xacobeo da Vía da Prata na terceira edición de “MUSGO”

A xerente do Inorde, Emma González, participou hoxe, no Café Pop Torgal, na presentación da terceira edición de MUSGO, unha iniciativa de produción 100% ourensá, que conta co apoio da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, o Consello Xacobeo e Son Estrella de Galicia e coa colaboración do Inorde e AGADIC.

O Inorde colabora con esta iniciativa promocionando o itinerario xacobeo da Vía da Prata “a través dun roteiro cultural o sábado, 18 de decembro, para conxugar a oferta musical máis urbana con actividades que amosen a esencia do noso e que invite ao público de MUSGO a gozar dun turismo sostible en Ourense”. Así mesmo, Emma González destacou que esta proposta “entronca con ese perfil público ao que queremos dirixirnos e queremos atraer á nosa provincia, así como difundir os valores da Vía da Prata a través deste festival”.

“MUSGO” reunirá en Ourense unha escolma musical de vangarda os días 17 e 18 de decembro en tres salas da cidade: o Café Pop Torgal, El Pueblo Café Cultural e o Auriense.  A programación estará protagonizada por un total de sete concertos e pinchadas, con artistas emerxentes non só de Galicia, senón tamén do eido estatal e internacional. Por MUSGO pasarán unha banda portuguesa, Holy Nothing, outra galega, Músculo!, tres artistas estatais, Green T, Cabiria, e Japimil, ademais do DJ ourensán MNSNT e a cubana Toccororo.

As entradas e abonos para acceder aos diferentes concertos están á venda na plataforma woutick.es. O abono inclúe acceso a todas as actuacións, e ten un custe de 25 euros, mentres que as entradas soltas para cada concerto teñen un prezo de 8 euros. Os aforos serán moi reducidos, ao 50%,  para garantir a seguridade, e para o acceso ás salas exixirase pasaporte Covid ou PCR negativa nas 48 horas anteriores ao evento.

Esta nova edición consegue manter viva a esencia coa que nacía en 2019, a de funcionar como prescriptor de novas bandas, poñendo en valor a novos talentos, mostrando a artistas emerxentes e dando espazos a propostas de vangarda no eido musical.

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email