Socios do proxecto “Design 4 Innovation” de Interreg Europe visitan o Inorde para establecer posibles paternariados futuros

Socios do proxecto “Design 4 Innovation” de Interreg Europe, procedentes de 4 países, visitaron hoxe as instalacións do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, en Xinzo de Limia, a petición do CIS Tecnoloxía e Deseño, organismo pertencente á Axencia Galega de Innovación que é socio do proxecto.

O obxectivo desta xornada é coñecer in situ o traballo que realiza o Inorde a prol do rural, así como os proxectos europeos nos que está inmerso xunto con outras entidades socias, especialmente no “rural lab”. Esta xornada pretendía analizar a viabilidade de establecer sinerxías entre os socios deste proxecto co Inorde para colaboracións futuras en iniciativas vencelladas á economía circular.

Durante a visita, o técnico responsable do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, Servando Álvarez, explicoulles o traballo que realiza este organismo autónomo dependente da Deputación de Ourense a prol do desenvolvemento económico da provincia, especialmente no sector agrogandeiro. “Precisamente desde o este centro traballamos co sector primario para conseguir mellorar a rendibilidade das explotacións agrícolas  –sector clave da economía ourensá- propiciando, ademais, a mellora da conservación do medio natural mediante o mantemento e a defensa da biodiversidade”, salientou Servando Álvarez.

Na visita estiveron dous representantes de PDR, Cardiff Metropolitan University de Gales, un de Valetta Cultural Agency de Malta, un representante de Malta Business Bureau, dous representantes de Marshal’s Office of Silesia de Polonia, un de Barcelona Design Centre de Cataluña e dous da Axencia Galega de Innovación en Galicia.

Economía circular

Tal e como expuxo durante a visita o técnico do Inorde, actualmente este organismo provincial atópase inmerso en proxectos europeos de diversa índole, como por exemplo, o Soil Diver Agro, do programa Horizon 2020, no que  se está a traballar na mellora da biodiversidade do solo nos agroecosistemas europeos. Así mesmo, o Inorde forma parte de varios proxectos de cooperación transfronteiriza como o “Circular Labs” a través do cal promove que o tecido empresarial da provincia se una a este novo modelo de economía circular.

Precisamente, unha das principais razóns da visita ao Centro por parte dos socios do “Design 4 Innovation” foi que, dado o seu interese pola economía circular, querían coñecer o laboratorio rural posto en marcha polo Inorde a través do proxecto europeo “Circular Labs” para ver o seu potencial e extraer ideas que puideran incluír en futuras iniciativas para aproveitar os recursos agrícolas.

“Este laboratorio rural pretende axudar aos produtores da provincia e animalos cara a necesaria transformación do sector primarios para unha optimización na xestión de recursos”, lembrou o técnico responsable do Centro, Servando Álvarez. Ademais, destacou que a innovación en deseño estaría ligada ao emprego de novos materiais onde os residuos agrícolas e forestais revalorizados poderían xogar un papel determinante.

Esta nova infraestrutura, dotada de maquinaria a disposición dos produtores da provincia, “pretende ofrecer a posibilidade de pechar o círculo dun sector primario competitivo, moderno e, por suposto, totalmente respectuoso co medio ambiente, mediante o impulso daquelas iniciativas que procuren  produtos, técnicas e procesos baseados na filosofía da economía circular. Entendida esta filosofía como unha ferramenta encamiñada a dinamizar o sector grazas ao aproveitamento integral de recursos, a minimización de materia prima e a optimización enerxética”, sinalou Servando Álvarez.

O proxecto “Design 4 Innovation”

“Design 4 Innovation” de Interreg Europe é un proxecto de intercambio de coñecemento entre as rexións participantes (6 socios actualmente) co fin de identificar as mellores prácticas nos mecanismo de apoio ao deseño nas pemes e avaliar a integración de instrumentos de apoio para o deseño nos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional – FEDER. Son socios deste proxecto: PDR, Cardiff Metropolitan University (líder) de Gales, a Axencia Galega de Innovación – CIS Tecnoloxía e Deseño de Galicia; Marshal’s Office of Silesia de Polonia, Business and Cultural Development Centre de Grecia – Kepa, Valletta Cultural Agency de Malta, e Barcelona Design Centre de Cataluña.

Pola súa parte, Santiago Nieto do CIS Tecnoloxía e Deseño, explicou que a través deste proxecto “os socios intercambiamos boas prácticas sobre cómo estimular o deseño nas nosas distintas rexións e, a partir desas boas prácticas, cada socio elaboraba unha proposta de plan de acción. No plan de acción que se elaborou en Galicia, a propia Axencia Galega de Innovación decidiu adoptar unha serie de actuacións como as axudas “Deseña Peme”, ou por exemplo, co ánimo de estimular o coñecemento dos mellores deseñadores que temos en Galicia e axudar a difundir a oferta e deseño que temos, lanzouse tamén os “Premios á Innovación e ao Deseño en Galicia”, que levan xa tres anos convocándose”.

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email