Terra de Celanova e Baixa Limia lideraran a rexeneración laboral na provincia de Ourense


O Observatorio Económico Ourensán destaca que o mercado de traballo medrou na Baixa Limia un 3,5% no último ano, o mellor rexistro comarcal, e o de Terra de Celanova repuntou un 1,7%

Manuel Baltar afirma que entre A Limia, Terra de Celanova e A Baixa Limia aportan 10 dos 53 concellos ourensáns que presentan creación neta de emprego en 2016, “signo de que as tres comarcas aceleran o paso da recuperación”

Ourense, 22 de febreiro de 2017.- As comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia lideraran a rexeneración laboral na provincia de Ourense. Así o reflicten os datos do Observatorio Económico Ourensán, presentados hoxe nun acto celebrado na Casa do Concello de Celanova coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o profesor da Universidade de Vigo Andrés Mazaira, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.

 

O Observatorio –instrumento de análise socio-económico que puxo en marcha a Deputación de Ourense- constata que o mercado de traballo medrou na Baixa Limia un 3,5% no último ano, o mellor rexistro comarcal, e o de Terra de Celanova repuntou un 1,7%, datos que segundo o presidente do goberno provincial fan que A Limia, Terra de Celanova e A Baixa Limia teñan 10 dos 53 concellos que presentan creación neta de emprego en 2016, “un signo de que as tres comarcas aceleran o paso da recuperación”.

 

No acto, acto ao que asistiron representantes institucionais, empresariais e sociais destas comarcas, Baltar dixo que o Observatorio identifica a Terra de Celanova e á Baixa Limia “como dous claros exemplos de territorios que están a rendabilizar a rexeneración económica e laboral”. Na fase intensa da crise, entre 2011 e 2013, a comarca de Celanova foi a segunda que perdeu máis emprego, e A Baixa Limia figuraba como a terceira comarca máis castigada. “Sen embargo –explica Manuel Baltar- no actual ciclo de rexeneración laboral a situación mudou, e as dúas comarcas están entre os principais axentes da reactivación laboral, ata o punto de que a Baixa Limia liderou en 2016 a creación neta de emprego na provincia, cun auxe do 3,5%, a máis do dobre de velocidade que a media ourensá (1,5%)”.

 

Pola súa banda, Terra de Celanova ampliou o seu mercado laboral nun 1,7% no último ano -a un ritmo case idéntico ao da comarca de Ourense- e nun 3,6% na actual fase de rexeneración, desde mediados de 2014. As proxeccións do Observatorio anticipan que cando arranque o segundo semestre de 2018, esta comarca terá afianzado de novo os 5.000 empregos, chanzo do que permanece afastada desde o cuarto trimestre de 2012.

 

Pola súa banda, Andrés Mazaira explicou que desde o ámbito municipal, seis concellos celanoveses foron xeradores de emprego neto en 2016, entre eles o de Celanova, “que se converteu na cuarta mellor cabeceira comarcal da provincia, cunha subida do 2,8%”. As alzas aínda foron maiores en Ramirás (4,2%) e A Bola (3,4%). Os catro descensos rexistrados oscilaron entre o -2,3% de Pontedeva e o -0,8% que compartiron Quintela de Leirado e A Merca. “No seu conxunto, Terra de Celanova sostén o 4,8% do emprego total da provincia”, afirmou o profesor Mazaira.

 

No caso da Baixa Limia, e a pesares de ser a segunda comarca ourensá que está a rexenerar emprego a máis forte ritmo desde o inicio da recuperación, “o Observatorio detecta que aínda precisará tres anos completos para que o seu mercado de traballo local retorne á dimensión que tiña en 2011, cando cedera a barreira das 2.000 afiliacións”, destacou Andrés Mazaira.

 

Entre os seus concellos só a cabeceira comarcal perdeu emprego o ano pasado. En 2016, Bande acurtou o seu mercado laboral nun 1,2%, en contraste co 8,1% de ampliación en Entrimo, co 5,5% de Muíños e co 4,2% de Lobios. Mentres, Lobeira conservou o número de empregos (preto de 200) do ano anterior.

 

A Limia

 

O Observatorio sinala que na comarca da Limia a rexeneración de emprego transita a unha velocidade anual do 1,1%, case medio punto por debaixo da media da provincia. E no acumulado da recuperación económica, o avance está no 1,8%, cando a media ourensá supera lixeiramente o 4%. Neste caso, as proxeccións do Observatorio deixan a unha distancia de cinco anualidades a reconquista dos 6.500 empregos existentes no ano 2011.

 

E todo a pesares de que sete dos seus once concellos están a crear emprego neto e de que dous deles teñen praza no ranking dos dez grandes xeradores laborais da provincia. De feito, o municipio de Baltar foi en 2016 o de maior crecemento do emprego (14,5%) de toda a provincia. E Porqueira (6,1%) ocupou o sexto posto. A Limia aportou a sexta parte dos xeradores ourensás que superaron o 5% de crecemento, nivel ao que tamén se achegaron Trasmiras (4,8%) e Sandiás (4,5%). Xinzo de Limia impulsou un 0,8% de novo emprego. Con 3.218 afiliacións, Xinzo concentra o 52,3% de todo o emprego da comarca. As evolucións negativas do último ano corresponderon a Vilar de Barrio (-9,2%), Calvos de Randín (-3,8%) e Os Blancos (-2,9%).

 

Empresas

 

As empresas e os centros de traballo radicados na Baixa Limia crearon un 6,7% de emprego neto en 2016, os da Limia un 2,3% e os de Terra de Celanova un 1,4%.

 

Na Baixa Limia os seus cinco concellos fan pleno, con incrementos moi significativos en Lobeira (19,2%), concello que en 2016 pasou a contar con 14 empregos máis que os que presentaba en 2015; en Lobios (8,3%), cun diferencial positivo de 21 afiliacións; e en Muíños (7,9%), con 12 empregos máis. Desde esta variable, Bande tamén foi xerador de emprego no cómputo de 2016, cun saldo neto de 9 empregos (subida do 3,9%), o que suaviza o descenso rexistrado na estatística das afiliacións dos residentes no municipio.

 

Na Limia, Porqueira impulsou un 48,7% de emprego neto (presenta 38 postos máis que hai un ano) e Baltar un 11% (15 empregos máis). As demais alzas son máis contidas e van desde o 1,2% de Calvos de Randín ata o 3,8% de Xinzo de Limia, cabeceira que saldou 2016 con 100 empregos máis. No lado das baixadas, Vilar de Barrio perdeu 48 afiliacións locais (caída do 16,1%), Os Blancos 18 (-13,3%) e Trasmiras cedeu tres (-1,4%). Non houbo variación en Sandiás, que conserva 241 empregos.

 

En Terra de Celanova tamén se localizan sete xeradores de emprego e tres concellos con perda neta. Entre os primeiros sobresaen A Bola (12,5%) e Verea (6,1%), mentres que a cabeceira comarcal sumou 36 afiliacións máis que hai un ano (repunte do 2,7%). As diminucións afectaron a Padrenda, con 23 empregos menos (-9,6%); a Ramirás, cun descenso de oito (-3,9%); e a Quintela de Leirado, con dous de baixada (-3,3%).

 

Noutra das análises do Observatorio, á da evolución do paro, as tres comarcas aceleraron a forte ritmo as reducións durante 2016. En comparación coa taxa de variación interanual existente en decembro de 2015, nun ano A Limia pasou dunha diminución do 1,3% á actual do 12,9%, A Baixa Limia do -9% ao -20,2% e Terra de Celanova do -7,8% ao -11,6%.

 

Esas notables mellorías danse a pesar de que as cabeceiras comarcais están entre as catro da provincia que reduciron menos paro en 2016. Aos concellos de Celanova (-5%), Bande (-7,8%) e Xinzo de Limia (-8,1%) acompáñaos nesta estatística Verín, que anota a baixada máis suave (-4,5%) entre as doce cabeceiras.

 

Na Limia houbo descensos en todos os concellos agás en Vilar de Barrio, onde repuntou un 4,1%, co mérito engadido de que oito dos once municipios conquistaron o dobre díxito. Salientan as diminucións do paro en Porqueira (-31,2%) e en Calvos de Randín (-31,1%).

 

Poboación

 

Terra de Celanova, A Baixa Limia e A Limia están entre as comarcas que se viron máis castigadas pola perda de poboación en 2016. A primeira tiña 17.960 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, un 2,22% menos que na mesma data de 2015. Na comparativa máis longa, perde o 22,49% desde o ano 2000.

 

Nesta comarca reside o 5,7% da poboación provincial. Terra de Celanova ven sufrindo perda de peso relativo sobre o total da provincia. Cedeu 0,51 puntos desde o 2010 e 1,45 en comparación co 2000. Cunha idade media de 55,8 anos, o alto grao de envellecemento fai que haxa 631 residentes maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16.

 

Os 5.508 habitantes que residen na capitalidade local representan o 30,6% do total da comarca. O peso relativo do concello de Celanova medrou preto de cinco puntos desde o ano 2000. Outros municipios como A Bola, A Merca e Pontedeva tamén viron aumentar o seu peso relativo comarcal.

 

Na Baixa Limia a poboación sitúase nos 7.126 habitantes (a 1 de xaneiro de 2016), cun retroceso do 3,82% no último ano e do 29,4% desde o 2000. Nesta comarca reside o 2,26% da poboación provincial. O seu peso en termos demográficos no conxunto da provincia ten diminuído en 0,66 puntos fronte ao que presentaba no ano 2010. Cunha idade media de 57,2 anos, a taxa de envellecemento é de 888,90, a segunda máis elevada da provincia. Todos os seus concellos perderon poboación no ano 2016 respecto ao 2010 e 2000. A cabaceira comarcal ve como tamén caeu o seu peso específico no conxunto da poboación comarcal: supón o 23,41% do total fronte o 25,78% que acadaba no ano 2000. Pola contra, Muíños e Entrimo incrementaron o seu peso relativo, ata acadar os actuais niveis do 20,23% e 14,60%, respectivamente.

 

Mentres, os 21.111 habitantes da Limia (a 1 de xaneiro de 2016) reflicten un decrecemento do 1,92% nun ano e do 16,33% desde o 2000. O seu peso relativo na poboación provincial baixa ata o 6,71% (0,6 puntos menos que no 2000). A idade media dos residentes na comarca é de 52,5 anos, cunha taxa de envellecemento de 407,20, a menor das tres comarcas do suroeste de Ourense.

 

Con 10.004 habitantes, o concello de Xinzo concentra o 47,39% da poboación da comarca. É o único municipio da Limia que incrementa o seu peso relativo poboacional en comparación co que tiña no ano 2000 (38,04%).