A xerente do Inorde aborda o desenvolvemento económico e social sostible de Ourense nunha conferencia organizada por UMEGAL


Ourense, 14 de abril de 2021.- A xerente do Inorde, Emma González, participou hoxe vía telemática, nunha conferencia-coloquio organizada pola Unión Mexicana de Empresarios Gallegos (UMEGAL), a que foron convidadas outras asociacións empresariais de galegos no exterior. Na súa conferencia, chamada “Ourense, dando pasos sólidos cara o desenvolvemento económico e social sostible” destacou as potencialidades do territorio que poderían ser tractoras de posibles investimentos.

Esa folla de ruta do Inorde está orientada a traballar en dous eixos fundamentais: o sector primario e o turístico. “En calquera destes casos hai unhas liñas comúns que son necesarias, porque é o rumbo que nos marca Europa, pero a súa vez van a converterse en instrumentos e ferramentas que nos van a asegurar a nosa competitividade”, explicou Emma González. Eses aspectos comúns que sinala a xerente do Inorde refírense a afrontar o cambio climático, a transformación competitiva destes sectores estratéxicos, a transición ecolóxica, a dixitalización e fomentar a economía circular.

No caso do ámbito turístico “atopámonos nun momento crucial, coa chegada do tren de Alta Velocidade e a implantación do Plan de Destino Turístico Intelixente chamado “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”, que coa axeitada planificación estratéxica nos permitirá dar un salto cualitativo”, salientou Emma González.

A pandemia que estamos a padecer fixo mudar as demandas e o comportamento dos mercados e Ourense pódese “converter nun destino moi interesante como un territorio seguro, que non está masificado e no que se pode gozar dos nosos recursos naturais”, dixo a xerente do Inorde. Polo tanto, os sectores primario e turístico poden ser “interesantes para futuros investimentos e como estamos a falar con empresarios que, se ven están afincados en diferentes países do mundo, teñen as súas raíces aquí en Galicia e en Ourense, é importante propoñer diferentes liñas de actuación que a eles lles poidan interesar desde ese punto de vista no futuro”, engadiu Emma González.