A xerente do Inorde presenta os grandes referentes do patrimonio termal romano ourensán na xornada previa á Asemblea da EHTTA


Emma González, participou hoxe, xunto a relatores de diferentes destinos termais de referencia, en “Café of Europe: Aquae urbesque condunt”, que se está a celebrar nas termas de São Pedro do Sul, no marco da programación organizada pola Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa

Ourense, 12 de maio de 2021.-A xerente do Inorde presentou os grandes referentes do patrimonio termal romano da provincia de Ourense en “Café of Europe: Aquae urbesque condunt”, que organiza a Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA) como xornada previa á celebración da súa Asemblea que presidirá Manuel Baltar, como presidente de dita Asociación.

A xornada, na que participaron relatores de diferentes destinos termais de referencia como Reino Unido, Portugal, Francia, Italia e España, celebrouse nas Termas de São Pedro do Sul, en Portugal. Entre os asistentes estivo o presidente das Termas São Pedro do Sul e da Asociación de Termas de Portugal, Victor Leal, entre outros.

A temática da sesión, que se celebrou esta tarde, xirou ao redor das cidades romanas que se fundaron entorno á auga termal. A xerente do Inorde, como relatora da xornada, falou dos tres referentes ourensáns: dos vestixios romanos, do legado romano e do termalismo, “máis importantes que temos no noso territorio”, sinalou Emma González.

“Por un lado, o da cidade de Ourense no entorno das Burgas, co Centro de Interpretación Termal, e os restos arqueolóxicos, e a actual dinamización a través da piscina termal das Burgas e, por outro lado, o eixe da Vía Nova que atopa no Aquis Querquennis de Bande o referente máis importante. Así mesmo, temos tamén vestixios termais ligados á época romana no Aquis Originis de Lobios, onde ademais, hai unha importante explotación termal ao contar cun balneario, no entorno do Parque Reserva da Biosfera”, salientou Emma González.