Aberto o prazo para inscribirse no “Trail do Xurés” que organiza o Inorde


O Inorde organiza, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, a segunda edición do “Trail do Xurés” que desde hoxe a partir das 18.00 horas, abre o seu prazo de inscrición para que todos os interesados en participar neste evento poidan gozar da riqueza natural e paisaxística que ofrece o municipio de Muíños.

A proba, que se celebrará o vindeiro 25 de setembro, terá a súa saída ás 16.30 horas, desde o Complexo de O Corgo de Muíños. O percorrido será de 15 quilómetros cun desnivel aproximado de 600 metros que levará aos participantes a diferentes puntos de interese e de gran beleza do municipio.

Os interesados en participar poderán inscribirse a través da páxina web www.traildoxures.com, a partir de hoxe ás 18.00 horas, ata cubrir as 300 prazas ofertadas.

O “Trail do Xurés” é outra das probas que forma parte do convenio de colaboración asinado entre o Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia para realizar ao longo do ano diferentes eventos que contribúan a promocionar o potencial turístico da nosa provincia a través do deporte e supoñan un pulo para os sectores económicos de proximidade. Este tipo de probas avalan, unha vez máis, a gran capacidade que ten a nosa provincia para ser un importante destino de turismo deportivo.