Aprazada a I Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca para os días 9 e 10 de outubro


A primeira Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca, organizada polo Concello da Veiga, aprázase para os días 9 e 10 de outubro debido ás condicións meteorolóxicas adversas que se prevén para este fin de semana e que imposibilitan a celebración das actividades previstas, dado que todas elas estaban concibidas para realizarse ao aire libre para poder gozar do entorno natural que ofrece a área do Coiñedo.

Polo tanto, a Exposición posponse para os días 9 e de 10 de outubro mantendo o programa de actividades previsto dentro do cal o Inorde colaborará cun stand no que estarán presentes tres das catro razas autóctonas que temos (cabra galega, ovella galega e porco celta), así como o Centro Agrogandeiro que dará a coñecer as distintas actividades que alí se desenvolven para achegar ao público asistente o traballo que realiza este organismo a prol do sector primario da provincia.

Esta iniciativa, posta en marcha para poñer en valor a capacidade gandeira e agrícola deste territorio, aglutinará durante os dous días un variado e completo programa de actividades pensadas para todos os públicos como: exhibicións de gando e ecuestres, postos con produtos locais, catas de mel, viño e queixo, exposición de maquinaria agrícola, exhibición de oficios tradicionais, e todo elo distribuído en tres espazos do municipio: a praia do Coiñedo, a praia dos Franceses e o centro da localidade.