Comeza a parte práctica do curso de formación en agricultura que pon en marcha cada ano o Inorde en colaboración con Cáritas Ourense


 O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e a directora de Cáritas Ourense, María Tabares, visitaron as fincas de ensaio do Inorde, logo de rematar coa parte teórica impartida no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, do curso de formación en agricultura que cada ano ofrece este organismo provincial en colaboración con Cáritas Ourense.

O Inorde, como organismo comprometido co tecido social en risco de exclusión e coas necesidades que presenta de man de obra o noso sector primario, principalmente na comarca da Limia, pon en marcha cada ano en colaboración con Cáritas Ourense, un curso de formación en agricultura. O sector agrario, pese a súa importante mecanización, atópase a día de hoxe nunha situación deficitaria á hora de atopar persoas que sexan capaces de realizar aquelas tarefas que precisan de traballo manual cualificado.

Por outro lado, e na situación de crise económica na que nos atopamos, o Inorde considera imprescindible continuar con este tipo de iniciativas “que tan exitosas resultan ano tras ano, para apoiar ós colectivos en risco de exclusión social dotándoos de coñecementos que lles permitan desempeñar estes postos de traballo tan demandados”, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.  

O curso comezou coas xornadas formativas en alfabetización impartidas por Cáritas Ourense nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro. Esta parte inicial do curso foi incluída nos últimos tempos no programa deste curso e está a ter unha gran acollida entre o alumnado. Rematada a parte teórica, comeza agora o curso de Operacións Básicas na Agricultura propiamente dito.

Cabe destacar tamén que o traballo práctico que o alumnado desenvolverá nas fincas de ensaio do Inorde servirá para reforzar o apoio social que Cáritas Ourense realiza na provincia, xa que os produtos colleitados a través do traballo realizado no marco destas accións formativas, será doado a esta entidade social, tanto para o comedor social como para a súa inclusión nas súas redes de apoio.