Entrega de diplomas do curso de agricultura que organiza Inorde e Cáritas Ourense


O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e a directora de Cáritas Ourense, María Tabares, participaron hoxe, no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo, na clausura e entrega de diplomas do curso de actividades básicas en agricultura que desde hai oito anos desenvolven conxuntamente ambas entidades.

Esta actividade formativa nace da vocación de apoio social que ambas dúas institucións perseguen para lograr unha maior integración dos colectivos en risco de exclusión, lembrou Rosendo Fernández.

Nesta edición do curso formáronse dez persoas ás que a través desta iniciativa dotóuselle de ferramentas técnicas e sociais, necesarias para a realización de traballos de apoio a un sector que na comarca da Limia logra a súa máxima expresión e que cada vez está máis necesitado de man de obra cualificada.

O alumnado recibiu formación en relación ós labores de plantación dos diversos cultivos, ao tipo de sementes e plantas máis cultivadas na zona, ás prácticas de fertilización e abonado sostibles e respectuosas co medio natural, á rega e á instalación de material de rega, ao coidado de cultivos en relación ás pragas e enfermidades, á recolección e aos traballos a ela asociados e aos traballos de almacén. Toda a formación caracterizouse por ser eminentemente práctica.

Ademais, esta edición, como novidade, contou cun apartado formativo dedicado a reforzar os coñecementos meramente técnicos e/ou profesionais cunhas xornadas previas para que os participantes afondasen nas dotes básicas de comunicación (oral e escrita), de interrelación e, sobre todo, de integración. Este esforzo por parte de Cáritas Ourense para dotar ao alumnado de coñecementos básicos tivo unha gran acollida por parte dos mesmos, ao abrirlles novas posibilidades en relación a súa propia autonomía e a súa relación co entorno social e cultural.

Cabe destacar, así mesmo, que as producións de todos os cultivos sobre os que pivotaron as actividades formativas son destinadas a labores de apoio social para servir de produto fresco o entramado social que Cáritas Ourense mantén na provincia de tal xeito que na presente campaña, as previsións son de sobrepasar as cincuenta toneladas  de pataca fresca destinadas a comedores sociais, a parroquias asociadas á entidade, así como a outras institucións como o Banco de Alimentos de Ourense.