Estación de Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense)


PROXECTO ESTACIÓNS SP1. 16/02:

Cofinanciado dentro da Iniciativa Comunitaria Interreg III-A España – Portugal ( F.E.D.E. R.).

Socios do proxecto: INORDE e a C.M. de Viana do Castelo.

O proxecto consistiu na revalorización de sete infraestruturas ferroviarias en desuso, situadas na zona transfronteiriza comprendida entre Galicia e o Norte de Portugal, para convertelas en enclaves idóneos para a revitalización económica, social e cultural das áreas que a forman, convertendo estas zonas en espazos de lecer, ecoturismo, turismo activo natural e cultural a través da recuperación e potenciación das rutas da Vía da Prata, os camiños Portugueses da Costa e do Interior, así como as Vías Xacobeas e a Vía Nova.

Todo iso é posible, grazas á a gran vinculación histórica das estacións cos espazos nos que se establecen, que lles confire un gran atractivo patrimonial e ambiental converténdoas en factores de gran interese para o desenvolvemento destas comarcas.

Esta estación de ferrocarril está situada na localidade de Santa Cruz de Arrabaldo – Ourense, e alberga dous Museos:

  • MUSEO DO AUTOMÓBIL – FUNDACIÓN ESTANISLAO REVERTER:

Recolle, conserva e expón o legado deste destacado piloto de rallys, medalla ao Mérito Deportivo de Galicia e un dos pais do automobilismo galego, falecido en 1991.

Entre os fondos do museo atópanse trofeos, distincións e outros obxectos persoais, placas e programas de rallys, rutómetros, réplicas en miniatura dos coches de Reverter, cascos e outros obxectos cedidos por persoas que tiveron algunha relación co deportista. Tamén conta cun espazo reservado para o equipo Reverter Competición e o Rally de Ourense.
Estanislao Reverter “ Lalao”, piloto de rallys, creador da Escuadra Ourense e do Rally de Ourense, foi ademais promotor de novos talentos, preparador e construtor do “ Alpinche”, e un dos deportistas galegos máis importantes do século XX.

Da súa longa traxectoria como piloto hai que destacar as súas 54 vitorias absolutas en probas de diferentes especialidades (rally, circuíto e montaña), 12 participacións no mítico Rallye de Montecarlo, onde ía participar como piloto oficial de Rover no ano 1966; e as súas dúas vitorias no Rallye de España – RACE, naqueles tempos o máis importante do automobilismo nacional.

  • MUSEO DO TRAXE TRADICIONAL GALEGO:

O Museo do traxe tradicional galego, ten como obxectivo poñer en valor a nosa etnografía a través da historia do traxe, e forma parte do proxecto de rehabilitación da Estación de Santa Cruz de Arrabaldo, compartindo espazo expositivo co Centro de interpretación do liño e o Museo Estanislao Reverter.

O Museo de Traxe presenta unha exposición de traxes tradicionais, teares e instrumentos utilizados na confección do liño e tecidos, e elaboración dos traxes, con textos explicativos e ilustracións.

Pódense contemplar fieis reproducións, ata pezas orixinais representativas de finais do século XIX e principios do XX.

Contacto: ctc-inorde@inorde.com