Inorde e Cáritas poñen en marcha unhas xornadas de alfabetización no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro


A xerente do Inorde destacou o carácter solidario desta iniciativa que permite que “os produtos colleitados durante a parte práctica do curso sexan destinados a comedores sociais de Cáritas Ourense ou a rede de apoio económico-social que mantén esta entidade”

Ourense, 11 de marzo de 2021.- O convenio de colaboración do Inorde con Cáritas Ourense en materia de formación en técnicas básicas e operacións auxiliares en agricultura, destinado a persoas desfavorecidas e en risco de exclusión social, “é unha mostra máis da implicación do Inorde co tecido social da provincia, e máis nestes tempos de emerxencia económica como a que estamos a vivir”, dixo a xerente do Inorde, Emma González, hoxe na súa visita ao Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo de Limia con motivo da presentación das xornadas de alfabetización que se impartirán previamente á formación agraria, no marco do convenio do Inorde e Cáritas.

Na presentación das xornadas tamén asistiron a directora de Cáritas, María Tabarés Domínguez; a técnica de Cáritas, Mª Carmen Alonso; o técnico do Inorde do Centro de Desenvolvemento Agrario, Servando Álvarez; e as monitoras do curso, Mª Soledad González e Palmira González.

Na convocatoria do curso de Actividades Básicas na Agricultura a iniciar no presente 2021 considerouse necesario ampliar as competencias formativas engadindo un módulo de alfabetización previo, encamiñado a dotar de ferramentas culturais ao alumnado do curso que así o precise, para así acadar unha maior comprensión da formación agraria propiamente dita.

Estas xornadas de alfabetización terán lugar nos meses previos ó comezo do curso agrícola e desenvolveranse en dúas xornadas por semana, nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, sendo impartidas por persoal técnico de Cáritas Diocesana de Ourense.

O curso mencionado leva formando, nos case dez anos que leva de andaina, a máis de 100 persoas, aportándolle as habilidades e os coñecementos técnicos precisos para acadar un lugar na estrutura produtiva do sector primario, vía posto de traballo ou ben por iniciar procesos de emprendemento e autoemprego.

Emma González destacou o carácter solidario desta iniciativa “que vai máis alá da formación, xa que os produtos colleitados nas fincas do Inorde, resultantes da formación práctica, son destinados ao comedor social de Cáritas Ourense ou a rede de apoio económico-social que mantén esta entidade”. Así mesmo, a xerente do Inorde animou ao alumnado “a aprender e a aproveitar este

curso para poder nutrirnos cada vez máis do noso e impulsar o noso rural” e agradeceu a Cáritas esta colaboración “que acada unha gran dimensión que vai máis alá do ámbito socioeconómico”.

Ademais, cabe destacar “a vocación de servizo e axuda do Inorde ao sector primario da provincia, recoñecéndolle o traballo e implicación social que os seus integrantes están a demostrar nestes tempos de pandemia”, dixo Emma González.

Pola súa parte, María Tabarés agradeceu ao Inorde e aos seus traballadores “que sempre sexan un apoio incondicional para os labores que intentamos facer” e lembrou que Cáritas “quere dar oportunidades laborais ás persoas e isto é unha aposta por formar á xente para traballar”.