Máis de 160 deportistas daranse cita na VI edición do “Ourense Termal Athletics Meeting”


Máis de 160 deportistas daranse cita na VI edición do “Ourense Termal Athletics Meeting” que se celebrará o venres, 21 de agosto, a partir das 18.00 horas, na pista de atletismo do Campus de Ourense. Esta proba de ámbito nacional incluída no calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo é “unha das competicións con maior nivel deportivo das que se celebran en Galicia durante a tempada”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do INORDE,  Rosendo Fernández, na presentación deste evento deportivo hoxe no Pazo Provincial, acto no que tamén participou o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, Alfonso Mandado; e o coordinador xeral de Ourense Termal Athletics Meeting, Eladio Gómez.

Neste mesmo sentido, o coordinador da proba dixo que o “Ourense Termal Athletics Meeting” situouse na edición de 2019 “no posto número 12 do ranking nacional de competicións en pista ao aire libre (Ranking elaborado pola RFEA)” e que esta edición de 2020 ten “unha especial relevancia porque tódolos atletas destacados precisan facer marcas para obter praza nos diferentes campionatos autonómicos e nacionais”, engadiu Eladio Gómez.

Os principais obxectivos do “Ourense Termal Athletics Meeting” son: difundir a través do deporte a imaxe de Ourense termal, e trasladar a nivel nacional e internacional, Ourense como destino turístico termal e seguro de calidade; establecer un encontro que lle sirva aos atletas de máis nivel para mellorar as súas marcas; e fomentar na sociedade hábitos de vida saudable e a práctica do deporte, explicou Eladio Gómez.

A organización da VI edición do “Ourense Termal Athletics Meeting” estaba prevista, segundo Eladio Gómez, para o 9 de maio de 2020, pero tivo que aprazarse ata esta data por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Por elo, o coordinador xeral da proba explicou que se desenvolverá segundo o protocolo de actuación para o retorno ás competicións atléticas oficiais de Galicia – Fisicovid – DXT Galego en vixencia nese momento, e sinalou que a competición se celebrará a porta pechada, sen público.

As probas que se disputarán na competición son: 100 metros, 200 metros, 400 metros, 800 metros, lanzamento de peso, salto de altura, “e como novidade, incorporamos unha nova proba ao programa co salto de lonxitude, polo que engadimos a 10 atletas máis que sumados aos 154 inscritos fará que participen un total de 164 atletas neste “Ourense Termal”, sinalou Eladio Gómez, quen engadiu que haberá premios económicos para os homes e mulleres que obteñan as tres mellores marcas do meeting por táboa World Atlhetics.

Pola súa parte, Alfonso Mandado asegurou que a Universidade é “integradora e plural e debe colaborar coa sociedade ourensá” cedendo, neste caso, as instalacións para acoller “un meeting tan importante como este”. Así mesmo, Mario Guede destacou a relevancia deste evento deportivo, “referente a nivel nacional” que demostra, xunto con outras importantes probas, “a nosa gran capacidade para organizar eventos de gran nivel como este”.