O Inorde colaborará co seu programa de Razas Autóctonas na I Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca


A primeira edición deste evento, organizado polo Concello da Veiga, ten como obxectivo poñer en valor a capacidade gandeira deste territorio da provincia

O Inorde colaborará co seu programa de razas autóctonas na primeira Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca que organiza o Concello da Veiga para os días 2 e 3 de outubro, na praia do Coiñedo, co obxectivo de poñer en valor a capacidade gandeira deste territorio da provincia. A presentación deste evento gandeiro tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente, e o alcalde da Veiga, Juan Anta.

“Trátase dunha exhibición que destaque o potencial e a capacidade de produción gandeira que ten esta zona: o Macizo Central e Trevinca”, dixo Rosendo Fernández, quen explicou que o Inorde participará na Feira cun stand no que estarán presentes “tres das catro razas autóctonas que temos (cabra galega, ovella galega e porco celta), así como o Centro Agrogandeiro que dará a coñecer as distintas actividades que alí se desenvolven para achegar ao público asistente o traballo que realiza este organismo a prol do sector primario da provincia”.

Neste mesmo sentido, Emma González destacou que esta iniciativa “permítenos reivindicar que esta comarca é probablemente das áreas produtoras de gando vacún máis importantes de Galicia”. Por outra banda, a xerente do Inorde salientou que no caso da Veiga ten “un laboratorio que xa deu os seus froitos, un dos obxectivos que temos que ter as administracións que promovemos a fixación de poboación e a xeración de novas oportunidades no rural, e no Concello da Veiga isto xa se evidencia a través de distintos proxectos que se poderán ver tamén nesta Exposición como é a recuperación da Faba Loba ou a produción de mel”.

Pola súa parte, o alcalde da Veiga explicou que esta Exposición é “unha reivindicación dun sistema produtivo, dunha forma de entender a vida e dunha forma de ser, porque cremos e entendemos a nosa vida no noso territorio, e o gando e a agricultura teñen que ser protagonistas en toda Galicia”. Así mesmo, Juan Anta dixo que o evento pretende ser tamén unha homenaxe “aos gandeiros, aos emigrantes que levan moito tempo sen ver isto, e a todos aqueles que traballaron e loitaron para poder vivir do gando, da agricultura e dos oficios ancestrais que son as nosas raíces”.

O programa de actividades para esas dúas xornadas está pensado para todos os públicos e desenvolveranse en tres espazos diferentes: na praia do Coiñedo, na praia dos Franceses e no centro da localidade, facendo da Exposición un evento “dinámico, divertido e variado no que a xente poida participar”, sinalou Juan Anta. Polo tanto, participarán nel distintos produtores gandeiros, haberá exhibicións de gando e ecuestres, postos para que os visitantes poidan mercar produtos locais onde terán un especial protagonismo os produtos da Veiga como a mel ou a Faba Loba, pero tamén haberá produtos doutras zonas da provincia, haberá unha exposición de maquinaria agrícola, así como catas de viños, meles e queixos para público adulto e infantil. Así mesmo, durante as dúas xornadas festivas, estarán na Veiga os artesáns realizando unha exhibición dos oficios tradicionais galegos (cesteiros, zoqueiro, letoeiro, tallado de coiro, cerámica, tecedoira…).

A inauguración da Exposición será o sábado, 2 de outubro, ás 12.00 horas, no Coiñedo. Ademais, durante eses dous días festivos haberá menús gastronómicos a base de produtos locais en diferentes establecementos do municipio que a xente deberá reservar previamente antes do 30 de setembro.