O Inorde doa 8.000 quilos de patacas ao Banco de Alimentos de Ourense


O Inorde, organismo dependente da Deputación de Ourense, vén de doar preto de 8.000 kg de patacas da Limia, procedentes do proxecto europeo de diversificación de cultivos Soil Diver Agro, ao Banco de Alimentos de Ourense, “sendo esta a primeira dunha serie de entregas coas que queremos colaborar coas persoas e familias que máis o precisan”, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, hoxe durante a entrega destes produtos ao presidente desta entidade social, Cecilio Santalices.

Rosendo Fernández explicou que o goberno provincial “consciente da situación social de moitas das nosas familias, agravada pola crise da Covid-19, está comprometido con todas elas e por elo quixemos realizar un esforzo en relación á plantación dos campos de ensaio para poder dispoñer dunha cantidade suficiente de produto para poder distribuír entre diferentes entidades de apoio social”. Así mesmo, o presidente do Inorde quixo salientar “o gran labor que realizan numerosas organizacións da nosa provincia, como o Banco de Alimentos, para axudar e colaborar coas persoas sen recursos. Un traballo que resulta crucial e imprescindible para moitas familias ourensás e que quero agradecer en nome da Deputación de Ourense”.

Dentro das liñas de traballo do Inorde no ámbito agrario da provincia e, máis concretamente, no referente á asistencia técnica a dito sector, este organismo mantén desde fai máis de vinte anos   unha finca de experimentación e investigación agraria no Concello de Sandiás, na que testa, experimenta e investiga todos aqueles factores relacionados co desenvolvemento agrícola. Así mesmo, este traballo serve de base para todas as actividades de transferencia de información que o Inorde realiza a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro.

Para poder desenvolver este labor, na maioría dos casos o único xeito de acadar datos fiables é realizar plantacións dunha entidade suficiente, polo que se logran importantes cantidades de produción de alimentos de horta e de pataca, fundamentalmente.  

Así mesmo, cabe destacar o compromiso do Inorde coa problemática social da nosa provincia que se materializa con actividades formativas e integradoras que todos os anos se realizan a través dun convenio con Cáritas Ourense, para dotar de ferramentas técnicas e sociais que permitan ao alumnado desempeñar un traballo no sector primario. A isto hai que engadirlle que os produtos agrícolas resultantes do traballo realizado durante a formación práctica, son entregados tanto no comedor social como nunha rede de parroquias colaboradoras, o que reforza esa implicación social desta iniciativa.