O Inorde e a Rede de concellos termais da provincia analizan o Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense provincia termal”


Rosendo Fernández e a Fundación Juana de Vega presentaron aos alcaldes e representantes dos quince municipios ourensáns participantes, as liñas de acción deste Plan que a Deputación de Ourense e a Xunta retoman para presentar á convocatoria para o ano 2021 da Secretaría de Estado de Turismo

Ourense, 9 de abril de 2021.- O Inorde e a Rede de concellos termais da provincia analizaron hoxe durante unha reunión de traballo no centro cultural “Marcos Valcárcel”, o Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense provincia termal”, despois de que a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia decidiran retomar dito plan que será presentado á nova convocatoria ordinaria para o ano 2021 da Secretaría de Estado de Turismo.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, acompañado pola xerente do Inorde, Emma González, polo director da Fundación Juana de Vega, Jose Manuel Andrade; e pola técnico que dirixirá a redacción do proxecto, Carmen Pardo, presentou aos alcaldes e representantes dos quince concellos ourensáns participantes, as liñas de acción deste Plan que require do “traballo coordinado e conxunto de todos para propoñer este proxecto que mellorará a sustentabilidade do modelo de desenvolvemento turístico”, sinalou Rosendo Fernández.

Estes “Plans de Sustentabilidade en Destino” están a ser considerados “un instrumento esencial para a reactivación do sector trala crise sanitaria e son un mecanismo de colaboración coas Comunidades Autónomas e Entidades Locais, que promoven a “Gobernanza colaborativa” no marco das directrices xerais da Estratexia de Turismo Sostible de España 2030”, engadiu Rosendo Fernández.

O Inorde, organismo adscrito á Deputación de Ourense, será o ente encargado de canalizar a solicitude, xa que entre as súas funcións está a de impulsar o desenvolvemento do potencial turístico da provincia e tamén coordinará ese labor de revisión do plan xunto á Fundación Juana de Vega.

Tras revisar o resumo das accións recollidas no documento elaborado o pasado ano, na reunión analizouse a actualización do mesmo co obxectivo de presentar á nova convocatoria un Plan de Acción que contribúa a impulsar o desenvolvemento de destino mediante a vertebración das áreas rurais dotadas de recursos termais na provincia de Ourense. Esta iniciativa pretende reactivar o sector turístico da man de actuacións respectuosas desde o punto de vista socioeconómico, medioambiental e territorial.

Os concellos que forman parte deste Plan son: Arnoia, Bande, Baños de Molgas, Boborás, O Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia e Verín. Estas Entidades Locais presentarán as súas propias iniciativas que serán avaliadas para a súa inclusión no Plan.