O INORDE E A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE COOPERAN PARA A SUBMINISTRACIÓN DUNHA CARPA PARA A REALIZACIÓN DE EVENTOS DEPORTIVOS


O presidente do INORDE, Rosendo Fernández, e o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, asinaron no Pazo Provincial, un convenio de colaboración entre ambas administracións para a subministración dunha carpa para a realización de eventos deportivos. O importe total das actuacións a realizar ascende aos 29.190 euros, que serán achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte co obxectivo de “potenciar o deporte tanto de base como profesional”, sinalou o presidente do INORDE.

A carpa instalarase no espazo co que conta o CERLAC en Laias, concretamente entre os edificios do Balneario e do Hotel. “A principal función desta carpa será a de ximnasio, pero estará destinada tamén a acoller calquera outra actividade deportiva”, explicou Rosendo Fernández, quen agradeceu á Xunta de Galicia que, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, permita “poñer a disposición dos deportistas esta nova infraestrutura”.

Pola súa parte, José Ramón Lete destacou a “aposta polas infraestruturas deportivas e, neste caso, polo deporte ourensá”, e neste sentido dixo que o compromiso coa provincia de Ourense vai máis alá deste convenio, pois no ano 2019 “medramos no investimento total da Xunta, no ámbito do deporte, máis dun 40% con respecto ao ano 2018.

O obxectivo de ambas administracións é conseguir un óptimo nivel de funcionamento das infraestruturas deportivas, para prestar servizos de calidade e apoiar aquelas actuacións cuxa finalidade sexa a mellora ou creación de infraestruturas e equipamentos necesarios para a prestación de servizos relacionados coa promoción do deporte e instalacións deportivas.