O Inorde facilita diagnoses de dixitalización ás empresas do sector primario


Actualmente están en proceso 18 empresas ourensás e quedan 12 prazas dispoñibles nas que os interesados se poden inscribir a través da web www.agriconect.eu

05.03.2021.- O Inorde facilita diagnoses de dixitalización ás empresas do sector primario a través do proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg V A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020, co que se pretende a dixitalización deste sector das rexións Alentejo – Centro – Extremadura – Galicia – Norte de Portugal.

Esta semana tivo lugar a reunión técnica de seguimento do proxecto na que se avaliou a súa execución, así como o avance e o estado actual das actividades enmarcadas no mesmo. Actualmente están en proceso 18 empresas ourensás e quedan dispoñibles 12 prazas, polo que as pemes, micropemes e autónomos do sector agroindustrial interesados en sumarse a esta iniciativa, aínda están a tempo de inscribirse a través da páxina web www.agriconect.eu.

Entre os obxectivos do proxecto destacan, ademais da dixitalización de empresas agroindustriais da provincia, evolucionar nas súas formas de traballar, abrir novas vías de relación co cliente, mellorar a experiencia dos clientes e os seus resultados, xerar producións máis flexibles, personalizar produtos, optimizar tomas de decisións, xerar novas oportunidades de negocio, acceder a novos mercado, aumentar a súa competitividade e capacidade exportadora, así como crear redes de colaboración empresarial a ambos lados da fronteira.

O investimento total que contempla este proxecto ascende a 640.057 euros, sendo cofinanciado ao 75% polos Fondos FEDER. O xefe de fila do proxecto é a Fundación EOI FSP, actuando como socios, ademais do Inorde, a Asociación Empresarial Centro Tecnolóxico Nacional Agroalimentario, “Extremadura” – CETAEX, Institución Feiral de Extremadura – FEVAL, ADRAT, Associação de Desenvolvimento dá Região do Alto Tâmega(PT) -Incubadora D. Dinis – IDDNET (PT).

Para máis información poden contactar co Inorde no 988 317 933 ou no 988 317 934.