O Inorde promove a dixitalización nos sectores da castaña e do mel a través de xornadas formativas


Estas actividades, que se enmarcan dentro do proxecto europeo Red Agriconect 4.0, pretenden dotar de ferramentas a este tecido produtivo para que mediante a dixitalización e modernización do cultivo logren unha maior rendibilidade

O Inorde promove a dixitalización nos sectores da castaña e do mel a través de xornadas formativas que se desenvolverán en diferentes puntos xeográficos da provincia co obxectivo de sensibilizar aos profesionais e ás empresas deste tecido produtivo da importancia de aplicar as novas tecnoloxías para afrontar a transformación competitiva destes cultivos.

No sector da castaña, levaranse a cabo tres accións formativas que baixo o título “Castiñeiro e necesidades de dixitalización aplicadas en campo” ofrecerán asesoramento aos produtores para aumentar a súa rendibilidade, tanto en relación á diminución de custes de cultivo como no aumento de beneficio que lle pode reportar a mellora no referente á calidade. Os temas a analizar durante a xornada serán: a dixitalización e modernización do cultivo da castaña, a sensorización dos soutos, a modelización de pragas e enfermidades e os sistemas de aviso e estimación de datos.

As xornadas ao redor da castaña comezarán o vindeiro venres, 26 de novembro, no Concello de Parada de Sil. A seguinte será o mércores, 1 de decembro, no edificio Multiusos de Riós e, por último, o venres, 3 de decembro, terá lugar a acción formativa no albergue de Vilariño de Conso e ao remate da mesma o propio concello ofrecerá aos asistentes unha degustación gastronómica elaborada a base de castaña. Todas elas desenvolveranse a partir das 16.00 horas e a participación nelas é completamente gratuíta, simplemente, os interesados en asistir deben inscribirse previamente a través dos propios concellos ou contactando co Inorde (no teléfono 988 317 933/4 ou no mail ctc-inorde@inorde.com).

En canto ás xornadas centradas no mel a acción formativa centrarase nas novas tecnoloxías e a dixitalización aplicada ás colmeas. Durante as mesmas, afondarase no control remoto do estado das colmeas, a dixitalización e o uso de novas tecnoloxías no colmear, a organización e planificación dos traballos e a instalación óptima dun novo colmear.

A primeira destas accións formativas terá lugar o mércores, 1 de decembro, no edificio multiusos do Concello da Gudiña, a seguinte será o sábado, 11 de decembro, no Edificio Santa Lucía do Concello de Vilamartín de Valdeorras e, por último, o mércores, 15 de decembro, na Sede de Agrupación Apícola no Centro de Emprendemento Transfronteirizo en O Pontón, no Concello de Barbadás. Todas as xornadas comezarán ás 10.00 horas, e ao igual cas das castañas, serán gratuítas. Para participar hai que inscribirse a través do teléfono ou do correo electrónico do Inorde, anteriormente citados, ou na propia sede da Agrupación Apícola de Galicia ou no seu número de teléfono 988 360 089.

A transformación dixital do sector primario é clave nun momento como o actual no que a tecnificación e o emprego das novas tecnoloxías é imprescindible. Por elo, desde o Inorde estamos a apoiar ás empresas da nosa provincia nese proceso de transformación, asesorándoas e formándoas, para que logren ser máis competitivas nun mundo cada vez máis global.

O proxecto Red Agriconect 4.0, do que o Inorde é socio, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España – Portugal (POCTEP) 2014 – 2020.