O proxecto Keep On analizará iniciativas locais que poidan candidatarse ao POCTEP


O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes que participaron na sexta reunión das partes interesadas do proxecto europeo Keep On coa que se pretende poñer en marcha o Plan de Acción, desenvolto durante a primeira fase do proxecto, coordinando as accións desde o inicio para que ao longo desta implantación e monitorización que durará tres semestres, se poidan reorientar as medidas e adaptalas no caso de que fose necesario se xorden novas necesidades na nosa comunidade local.

O Plan de Acción consta, principalmente, de tres actuacións coas que se pretende dar resposta aos problemas e retos identificados no sector do patrimonio cultural durante a implementación do proxecto Keep On e froito de todas as achegas realizadas polos grupos das partes interesadas (participantes na reunión). Ditas accións son: promover unha maior participación da Administración Local nos proxectos financiados polo POCTEP, asegurar a sostibilidade dos proxectos desde un punto de vista social, cultural, e económico, e promover o intercambio de experiencias e a transferencia de coñecemento entre axentes territoriais a través dunha estratexia e planificación das accións de información e comunicación.

Durante o encontro, tamén se presentou unha actividade adicional ao proxecto presentada polo Inorde que pretende demostrar que “coa coordinación entre todos os axentes locais, rexionais e nacionais, xunto cunha boa planificación e implicación da comunidade local é posible conseguir proxectos sostibles”, adiantou Rosendo Fernández. Con esta actividade preténdese lograr que iniciativas ou ideas de proxectos a nivel local poidan consolidarse como un proxecto candidato ao Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza.

A reunión celebrouse na aldea rural de Pazos de Arenteiro, declarada Ben de Interese Cultural no seu conxunto, unha medida que “adoptamos co obxectivo de promover o patrimonio cultural das nosas localidades celebrando este tipo de encontros técnicos que permiten coñecer in situ as potencialidades culturais da nosa provincia”, dixo o presidente do Inorde. Ademais dos asistentes, tamén participaron outras partes interesadas do proxecto vía telemática.

O proxecto Keep On  de cooperación interterritorial (Interreg Europe) ten como obxectivo mellorar as políticas públicas no ámbito do patrimonio cultural ofrecendo ferramentas que permitan desenvolver proxectos sostibles e duradeiros, tanto no ámbito económico como social. Por elo, desde o Inorde “quixemos contar desde o primeiro momento coas persoas que mellor coñecen a realidade local para así facer chegar os problemas reais e as necesidades aos órganos de elaboración e toma de decisións no ámbito do POCTEP”, explicou Rosendo Fernández.

Na reunión participaron, ademais da xerente do Inorde, Emma González; e das responsables de proxectos europeos do Inorde, Rocío Gómez e Carmen Sardiña; o xefe territorial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices; o xestor cultural do Concello de Celanova, Antonio Piñeiro; o xerente do GDR-12, Juan Emilio Aparicio; a técnica do GDR-10 María Ángeles Novoa; a decana da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo, Montserrat Cruz; e a experta en proxectos europeos, Margarita Steckiewicz. Vía telemática participaron na xuntanza a xerente do GDR-9, Ana Pardo; a xerente do GDR-8, Silvia Álvarez; e o conselleiro técnico da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea, Adrián Vecino, quen afirmou que as propostas marcadas no Plan de Acción encaixan coas liñas que marca o programa.