O xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés fórmase no uso das novas tecnoloxías como apoio á actividade turística


A xerente do Inorde, Emma González, participou hoxe na Aula Cemit de Bande, na xornada formativa que se está a impartir no xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés sobre o Geocaching e as outras ferramentas tecnolóxicas que se están a implantar como apoio á actividade turística. A xornada, organizada polo xeodestino e o Inorde co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, celebrouse de xeito híbrido e reuniu a preto dunha vintena de participantes de diferentes municipios.

“Trátase doutra das actividades que xa anunciaramos, dentro do plan de acción presentado para levar a cabo nestes territorios ao longo do ano, coa que pretendemos formar a empresas locais e aos técnicos dos concellos que traballan no sector turístico dos municipios que integran este xeodestino, da capacidade que ofrece o geocaching así como as novas tecnoloxías, na promoción e divulgación das potencialidades turísticas desta zona”, explicou Emma González.

A xornada formativa de hoxe analizou as fortalezas dos concellos que integran este xeodestino e salientouse a súa capacidade para posicionarse como destino de turismo de natureza e deportivo. Durante a mesma, os relatores explicaron aos participantes o mapa interactivo do xeodestino como ferramenta para descubrir o territorio e expúxose a experiencia do proxecto prepirineo clandestino onde se estableceron diferentes rutas culturais empregando ferramentas deste tipo.

Para pechar a actividade, analizouse a capacidade do uso do geocaching para impulsar o territorio e a ferramenta de “Geotour”, primeiro de xeito teórico, e logo, a través dunha demostración práctica neste municipio. O “Geotour” é a aplicación internacional de geocaching á que pode acceder calquera usuario e que os atraerá a estes concellos para buscar eses cachés situados en recursos singulares deste territorio.

O xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés está integrado polos seguintes concellos: Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola.