Operadores turísticos coñecen o territorio do xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés


Esta iniciativa ten como obxectivo achegar as potencialidades naturais, patrimoniais, enogastronómicas e termais que ofrecen os concellos que integran este xeodestino para que as empresas de viaxes poidan xerar produtos que formen parte das canles de comercialización

O Inorde e o Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés organizaron, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, unha viaxe de familiarización na participan 7 operadores turísticos. O obxectivo desta iniciativa, realizada coa participación da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia, é achegarlles as potencialidades naturais, patrimoniais, enogastronómicas e termais, que ofrecen os municipios que integran este xeodestino, para que, posteriormente, poidan xerar produtos que formen parte das canles de comercialización.

A viaxe de familiarización comezou no Concello de Padrenda, alí, os operadores turísticos tiveron a oportunidade de visitar o marco número 1 da fronteira con Portugal, así como o posicionamento estratéxico que ofrece este municipio para levar a cabo proxectos transfronteirizos entre España e Portugal. En Padrenda tamén visitaron un dos miradoiros que hai no municipio, así como un tramo da súa “Ruta dos Muíños” que aglutina natureza, patrimonio e historia.

Posteriormente, desprazáronse ata o municipio de Quintela de Leirado para visitar o seu Centro de Interpretación da Emigración a Nova Guinea, unha infraestrutura que será inaugurada proximamente e que se unirá aos atractivos turísticos que ten este xeodestino. Trala visita por este espazo museístico, os operadores turísticos continuaron coa súa viaxe en Celanova, terra de monxes e poetas. Alí coñecerán a riqueza histórica e patrimonial que agocha o Mosteiro de San Salvador e Vilanova dos Infantes. Finalizarán este primeiro día de viaxe en Ramirás, onde degustarán a súa oferta enogastronómica.

Ao día seguinte, a programación do fam trip trasladarase á comarca da Baixa Limia que conserva un valioso legado histórico e artístico en plena natureza: fitos, dolmens, igrexas ou a Vía Nova. Aquí atopamos o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que comparte espazo en territorio portugués co Parque Nacional Peneda-Gerês, dando forma a Reserva Transfronteiriza da Biosfera Gerês-Xurés.

Para elo, comezarán a visita en Bande que os levará a afondar no legado romano que ofrece este municipio no campamento Aquis Querquennis. Posteriormente, irán a visitar un dos conxuntos históricos máis importantes da provincia de Ourense que se atopa en Maus de Salas, no Concello de Muíños para realizar a súa ruta megalítica. Posteriormente, desprazaranse ao concello termal de Lobios para coñecer a súa riqueza patrimonial e natural visitando diferentes núcleos do territorio como Puxedo, A Cela así como a contorna da Vía Nova en Portela e a corga da Frecha, a fervenza máis alta do Parque Natural.

O venres, 26 de novembro, celebrarase unha reunión de traballo  con empresas locais da zona para xerar sinerxías cos touroperadores e que poidan comercializar o territorio con paquetes e experiencias turísticas.

Este xeodestino está integrado polos seguintes concellos: Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola. Esta actividade forma parte do plan de promoción deseñado para o ano 2021 e que se instrumentaliza co financiamento da Axencia de Turismo de Galicia, do Inorde e dos propios Concellos.