Presentación da proba cicloturista “Ourense Strade Termal”


A proba cicloturista “Ourense Strade Termal”, de carácter non competitivo e internacional, celebrará a súa terceira edición o vindeiro 4 de outubro, a partir das 9.30 horas. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Balneario de Lobios, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; o tenente de alcalde da Cámara Municipal de Montealegre, David Teixeira; o director de Caldaria, Javier Soto; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.

O evento deportivo, financiado polo INORDE a través dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, terá lugar dentro do Parque Natural Xurés-Geres, “polo que a beleza e o encanto do percorrido deste evento está garantido”, dixo Rosendo Fernández, quen salientou que nas pasadas edicións a “Ourense Strade Termal” contou coa participación de deportistas de case tódalas comunidades autónomas, así como de Portugal, Inglaterra, Francia e Italia.

Pola súa parte, Serafín Martínez dixo que “a día de hoxe, creo que a proba segue a ser única tanto en España como en Portugal polo trazado que ten catro tramos de sterrato, que son tramos de terra compacta”.

A proba discorre por estradas dos concellos de Muíños e de Lobios, sendo a saída e a chegada no Balneario de Lobios, en Riocaldo. A proba, que se enmarca dentro do Calendario Nacional de Ciclismo a fondo, conta con dous percorridos: un medio fondo de 105 quilómetros que entra en Portugal, pasando por dúas poboacións emblemáticas da “raia” como Tourem e Pitoes das Junias; e o mini fondo que conta cun percorrido de 75 quilómetros.