Proxecto CTC Limia-Lima-Cávado: Unha xornada transfronteiriza analiza e promove produtos agrícolas e oportunidades de negocio en Ourense e no norte de Portugal


 O presidente do Inorde e vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, cualificou o encontro como “unha mostra máis de que a nosa cooperación co norte de Portugal é constante, potenciando o apoio ao desenvolvemento económico e territorial do espazo transfronteirizo e fomentando o emprego e a sustentabilidade no rural”

A promoción dos produtos agrícolas de calidade e as oportunidades de negocio que xeran centraron a xornada de traballo que por videoconferencia se desenvolveu esta mañá no centro cultural Marcos Valcárcel, no marco do proxecto europeo CTC Limia-Lima-Cávado, cofinanciado con fondos Feder dentro do programa de cooperación transfronteiriza Interreg, e no que participan como socios o Inorde e as rexións lusas do Alto Minho e do Cávado, esta última como líder do proxecto.

No acto de apertura, o presidente do Inorde e vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, cualificou este encontro como “unha mostra máis de que a nosa cooperación co norte de Portugal é constante e confirma o cumprimento do obxectivo xeral do proxecto, que non é outro que potenciar o apoio ao desenvolvemento económico e territorial do espazo transfronteirizo”.

Rosendo Fernández subliñou que con esta xornada “pretendemos promover algúns dos mellores produtos das nosas zonas en canto a produción, calidade, aproveitamento dos subproductos, áreas xeográficas protexidas e denominacións de orixe, analizando ao mesmo tempo as oportunidades de novos negocios ou ampliación dos xa existentes mediante a innovación, a comercialización en mercados de proximidade ou canles gourmet e horeca”.

Unha oportunidade, dixo, “para manter unha rede de traballo que permita compartir e difundir información útil para as nosas empresas e emprendedores en aras de fomentar o emprego e a sustentabilidade no rural”, información que se editará en pequenas guías en formato dixital e papel.

A xornada comezou cunha presentación das liñas mestras do proxecto, para continuar cun percorrido pola situación actual e as oportunidades que ofrecen unha serie de productos tanto na provincia de Ourense como no norte de Portugal, entre eles a castaña, a pataca, o viño, froitos vermellos e cogomelos.

O proxecto europeo CTC (Comunidade Territorial de Cooperación) do programa transfronteirizo Interreg comezou a súa andaina en xullo de 2008 e remata no presente ano, logo de abordar outros ámbitos de traballo como o turismo deportivo, a náutica e a innovación. Para este ano estaba prevista a convocatoria en Ourense das mesas de traballo correspondentes á agricultura e o emprendemento que, como consecuencia das restricións provocadas pola pandemia, celebráronse hoxe conxuntamente