Proxecto: CTC2


Congreso Cooperación nueva programación 2014-2020

Ourense perfílase como eixo estratéxico para o desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
A cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal afronta un novo escenario coa programación europea para o periodo 2014-2020, así como polos requisitos da Estratexia 2020, e na que Ourense e o seu potencial económico, social e empresarial xogarán un papel estratéxico. Foron estes os tres aspectos abordados durante o seminario “Cooperación, nova programación 2014-2020”, enmarcado nun proxecto de Comunidade Territorial de Cooperación dentro da segunda convocatoria POCTEP, no que o Inorde opera como beneficiario principal contando para iso coas portuguesas Comunidades Intermunicipais do Alto Minho e o Cávado.
Os ponentes analizaron aspectos como a situación da Eurorrexión na Europa 2020, a programación dos fondos comunitarios ou as dinámicas de cooperación transfronteiriza. Todos eles, representantes das diferentes institucións implicadas no intercambio entre Galicia e Portugal, coincidiron na necesidade de anticipar as estratexias ás convocatorias comunitarias ou ien aproveitar os potenciais e recursos dos dous territorios.
MANUEL BALTAR: “A centralidade de Ourense na Eurorrexión é clave para o desenvolvemento socioeconómico da provincia”
O presidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar, foi o encargado de inaugurar o congreso, avogando pola centralidade territorial de Ourense dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como “clave para o desenvolvemento socioeconómico da provincia”. Do mesmo xeito, salientou a importancia que a cooperación entre territorios terá para o escenario que agora se inicia no periodo 2014-2020. Para esta nova etapa, Baltar anima a permanecer coas “ilusións intactas e coa clarividencia e forza que outorga a experiencia acumulada neste camiño” coa meta de conseguir que os territorios de Galicia e o Norte de Portugal “sigan avanzando cara un rol de liderazgo”, precisou.
Ante a apertura das convocatorias para os próximos seis anos, que presentan unha reducción dos fondos comunitarios para a Eurorrexión, o presidente provincial estableceu como “obriga” o feito de que “as rexións e as provincias se convertan en auténticos actores do espazo europeo”. Como institución involucrada neste novo periodo, Manuel Baltar asegurou que a Deputación se porá á disposición de tódolos concellos da provincia para “planificar e redactar proxectos de acceso” ós fondos da Unión. Deste xeito, concluíu, “deixaremos de ocupar a ‘histórica’ posición periférica”, polo que “demandamos de Europa esta discriminación positiva que xa se converteu nunha débeda histórica”.
Do mesmo xeito, foi Baltar pechou a xornada centrando a súa intervención na “confianza” como “pilar fundamental da cooperación”, posto que “unha fluída comunicación, unha profunda confianza e espírito de cooperación son as actitudes básicas de toda relación exitosa”. É nestes aspectos nos que se “basea a nosa comunidade territorial que afronta o periodo 2014-2020”. O éxito, ó entender do presidente da Deputación, conseguirase “deseñando e presentando proxectos destacados e innovadores”, así como sendo “anticipadores”.
JUAN LIRÓN: “Debemos ter autoestima porque aquí sabemos facer as cousas”
“Podemos xogar en Europa de forma cómoda porque temos un bo campo e un bo equipo pero o resultado haberá que sudalo e traballalo”. Así animou o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT), Juan Lirón, ós representantes institucionais, económicos e sociais asistentes ó congreso de cara á apertura do periodo 2014-2020. Neste sentido, insistiu en que “debemos ter autoestima porque sabemos facer as cousas e temos un bo producto” na fronteira máis poboada e na que se produce o 70% do tráfico de persoas e mercancías entre España e o territorio luso. De Ourense, Juan Lirón salientou o potencial do sector agrogandeiro en nichos de mercado como a biomasa. “Hai que innovar no que xa temos e non deixar de aproveitar as novas oportunidades”, segundo relatou.
Na súa intervención, Lirón insistiu na necesidade de “estar preparados” para a nova coxuntura europea sen agardar a que saian as convocatorias porque “as regras son cada vez máis esixentes”. Así, puxo como exemplo o parque natural Xurés como foco de turismo medioambiental, a mobilidade de estudantes entre as universidades trasnfronteirizas como intercambio de coñecemento, a creación de paquetes turísticos temáticos, a cooperación entre empresarios dos dous países ou a creación dun novo mercado de traballo que pase, entre outros factores, pola homologación dos títulos de FP –algo que xa comezou a facerse en eidos coma o da Automoción-.
En calquera caso, “o abano é grande, a árbore está ben estructurada e agora o que temos que facer é encaixar as pezas dese puzzle no mapa”, ofrecendo os servizos da AECT como motor para axudas ás diferentes institucións a buscar o seu camiño entre Galicia e Portugal. O obxectivo da Agrupación que dirixe Juan Lirón é “fomentar a cooperación en tódolos ámbitos”.
IGNACIO FERNÁNDEZ-HUERTAS: “Sería desexable que os programas operativos estiveran aprobados antes das eleccións europeas”
Como representante da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, Ignacio Fernández-Huertas explicou a programación, requisitos e características dos Fondos Comunitarios para o periodo 2014-2020, compostos por 11 obxectivos pero dos cales catro adquirirán unha importancia especial e, polo tanto, concentrarán o 80% dos fondos. Son a investigación e desenvolvemento tecnolóxico, a mellora das tecnoloxías da información e a comunicación, a competitividade das pequenas e medianas empresas e a potenciación dunha economía baixa en carbono. Neste sentido, pasarán a un segundo nivel puntos como as infraestructuras, que ata agora viñan acadando unha maior atención destes fondos.
Segundo explicou Fernández-Huertas, os motivos que levaron a reformar a política de cohesión pasan por acadar os obxectivos da Estratexia Europea 2020 e traballar en base a un enfoque de resultados, non tanto baseado na xestión financeira como en “garantir que o diñeiro ten un impacto sobre o territorio” e que iso se garanta mediante o establecemento duns indicadores. Estes indicadores estableceranse, en grande medida, a través de obxectivos temáticos derivados das prioridades específicas de cada área territorial.
Para poñelos en práctica mantéñense fondos FEDER comúns a tódolos obxectivos e axudas plurirrexionais. O calendario deste novo periodo porase en marcha “dentro duns días”, posto que no que queda de mes deberase aprobar o primeiro regulamento de cooperación. O borrador dos acordos e programas de cada rexión terá que ser aprobado en marzo e sometido a avaliación no mes de xuño, mentres que a aprobación final chegará a finais do próximo ano. Con todo, “o obxectivo sería non agotar os prazos”, matizou Ignacio Fernández-Huertas, do mesmo xeito que “sería desexable que foran aprobados antes das eleccións europeas” de maio de 2014.
XOSÉ LAGO: “Neste novo escenario xogamos coa vantaxe da experiencia anterior, na que os resultados foron bos”
O subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia analizou a evolución da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal dende que no ano 1977 se firmara o primeiro acordo de cooperación entre ámbolos dous países, se ben non foi ata a entrada dos dous na Unión Europea en 1986 cando a colaboración “comezou a ser importante”. Do mesmo xeito, perfilou as fortalezas e debilidades que actualmente presentan as respectivas coxunturas económicas, empresariais e sociais para encarar o periodo 2014-2020. Do feito ata agora, salientou actuacións en infraestructuras, medio ambiente, transporte ou integración social. Con todo, para o novo periodo de programación, lembrou que os fondos destinados a cooperación transfronteiriza son “dos poucos que presentan unha subida”. Pero non se esqueceu da aparición de novos factores incidindo nas Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial, a creación das Eurocidades como Chaves-Verín, as estratexias macrorrexionais ou as macrorrexións. Neste último eido salienta RESOE, da que Galicia forma parte xunto con Castela-León e o Norte de Portugal.
Tendo en conta todos estes elementos, Xosé Lago precisou que “se nalgo temos que traballar no futuro é na cooperación” entre territorios co obxectivo de conseguir a “redacción de novos proxectos” porque “por aí é por onde están a soprar os ventos comunitarios”. Ademais, Galicia xoga neste punto “coa vantaxe da experiencia anterior”, unha etapa na que “os resultados foron bos”. Aquí os fondos foron “razoablemente ben empregados” e están avalados polos números, posto que “se pasamos de estar por debaixo do 75% da media comunitaria a superar o 90%, algo teremos feito ben”.
JOAQUIM CRACEL: “A cooperación é un compromiso presente e futuro”
O representante do conselho intermunicipal do Cávado e alcalde de Terras de Bouro, Joaquim Cracel, lembrou que “a cooperación entre o Norte de Portugal e Galicia é un compromiso presente e futuro” porque o intercambio económico e social “xa existe” dende hai anos. Como exemplo puxo as accións desenvolvidas no seu municipio, limítrofe con Lobios. É o caso, entre moitos outros, da posta en valor da vía romana da Xeira, a construcción de estradas intramunicipais ou as melloras medioambientais ó amparo do parque transfronteirizo Xurés-Gêres. Precisamente ó recinto natural, reserva da biosfera, referiuse para salientar o seu valor como destino turístico.
Pola súa banda, o vicepresidente do CIM Minho-Lima e alcalde de Valença do Minho, Jorge Manuel Salgueiro, salientou relación histórica continuada do seu municipio con Tui porque “o territorio non é só un espazo natural, senón con alma”. Precisamente foi este intercambio o que posibilitou a creación dunha eurocidade coa localidade pontevedresa que na actualidade avanza na xestión común de infraestructuras deportivas ou culturais, así como na celebración de actividades conxuntas –unha trintena no que vai de ano 2013-. Salgueiro concluíu puntualizando que o futuro “vai continuar apoiando proxectos transfronteirizos” e, por iso, “temos que estar preparados”. Os puntos fortes sinalados polo rexedor luso foron, ademais das oportunidades empresariais, o “capital cultural e social” que habita a ámbolos dous lados da fronteira e que constitúen a “identidade” da Eurorrexión.
ctc2-foto1 ctc2-foto2 ctc2-foto3 ctc2-foto4