O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – INORDE, é un organismo autónomo local de carácter administrativo, dependente da Deputación Provincial de Ourense, creado en 1987.
O seu obxectivo é o desenvolvemento económico da provincia de Ourense, tendo en conta aspectos ambientais e sociais que contribúan ao desenvolvemento sustentable de toda a provincia.
INORDE desenvolve as seguintes actividades:
•Proxectos da UE : Desde a súa creación INORDE participa activamente en programas e actuacións da UE, a utilización dos fondos estruturais para a realización de proxectos estratéxicos en Ourense, cooperación internacional, interregional e transfronteiriza cos Estados membros para o intercambio de experiencias.
INORDE foi xefe de fila e socio en 35 proxectos europeos levados a cabo nos programas Interreg III A (cooperación transfronteiriza) e Interreg III B (cooperación transnacional) no período 2002-2007. Os proxectos estaban relacionados coa xestión do medio ambiente, o turismo, o patrimonio cultural e a paisaxe.
Do período 2007-2013 o INORDE xestionou como Xefe de Fila 4 proxectos de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, ademais de ser socio dun proxecto do programa Interreg IVC.
Actualmente estanse xestionando 4 proxectos dos programas Interreg V A, Interreg Europa e Life, e iniciando 3 proxectos plurirexionais de Cooperación Transfronteiriza.
•Xestión das actividades turísticas: INORDE propiciou a creación dunha marca propia da Provincia e a ordenación da oferta turística da mesma, dispoñendo de instrumentos para a súa comercialización como páxina web (www.turismourense.com), feiras, eventos deportivos e actividades que resultan necesarias como complementarias da oferta dos establecementos turísticos.
•Apoio ao sector agrícola, gandeiro e forestal realizando formación, asesoramento e investigación no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, que dispón dun laboratorio acreditado pola ENAC para análise de chans e o único acreditado en España para o nematodo da pataca; en colaboración cos principais institutos de Estados membros da UE.
•INORDE xestionou proxectos dirixidos a achegar coñecementos para o desenvolvemento de novos produtos como os denominados ecolóxicos, e a poñer en valor produtos autóctonos, introducindo modelos de produción, almacenamento e distribución máis eficientes.
•Programas de recuperación de Razas Autóctonas: O INORDE é propietario dos rabaños fundacionais, co obxectivo de garantir a preservación dos últimos exemplares de cada raza e conseguir a multiplicación destes rabaños con garantía sanitaria co fin de distribuílos aos gandeiros; hoxe considerados como os principais reservorios das devanditas razas en toda o CC. AA. Galega (porco celta, ovella galega, cabra galega e galiña de Mos).
•Cooperación con Confederacións de empresarios, Cámaras de Comercio, Asociacións provinciais de empresarios e Universidades, nas actividades que promoven para impulsar o desenvolvemento económico da provincia.
•Dinamización empresarial: apoio a emprendedores e empresarios, promoción das iniciativas empresariais locais; deseño e coordinación de misións comerciais; procura e captación de proxectos empresariais para a provincia de Ourense.
•Realización de estudos e análises. Observatorio Económico Ourensán.
•Cooperación coas empresas de Ourense para a promoción dos produtos locais.
INORDE forma parte do Consello de Administración e da Xunta Xeral de Accionistas do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Descargar estatutos INORDE
Aprobación definitiva da modificación do artígo 15.2 dos Estatutos do Inorde [1494/2020]