Reunión do Comité Asesor de Ourense Vinis Terrae


O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e a xerente do Inorde, Emma González, participaron hoxe, vía telemática, na reunión do Comité Asesor de Ourense Vinis Terrae para informar dos avances na programación desta edición para compradores, expositores e profesionais, e  analizar a participación de adegas e países confirmados ata o momento, aínda que durante o mes de abril continuará esa captación de adegas e compradores.

Na xuntanza, na que se recalcou a “boa acollida” que está a ter este evento pese as circunstancias, Rosendo Fernández destacou que se “trata dun sector estratéxico para o noso territorio e que, polo tanto, desde a Deputación de Ourense volverá a apoiarse esta iniciativa e máis neste ano tan complicado para as adegas para contribuír a paliar ese déficit que temos este ano”.

Pola súa parte, Emma González anunciou que o Inorde colaborará nesta edición de Ourense Vinis Terrae cunha oferta formativa a través do proxecto europeo Red Agriconect 4.0 que procura a dixitalización no sector agroindustrial.

A 9ª edición deste Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade celebrarase os días 14 e 15 de xuño e farase reconvertido a evento híbrido entre presencial e virtual debido á situación sanitaria actual.–