Rosendo Fernández participa na presentación do 7º RallyMix Concello de Barbadás “Memorial Gonzalo Belay”


O presidente do Inorde e vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe, no Concello de Barbadás, na presentación do 7º RallyMix Concello de Barbadás “Memorial Gonzalo Belay”, co que colaboran ambas institucións provinciais.

O RallyMix será “unha proba que converterá a Barbadás e a Ourense na capital do automobilismo galego”, dixo Rosendo Fernández. A proba, decana dos Rallymix de Galicia, retorna tras un ano de parón e faino coa participación de 49 inscritos que se darán cita en Barbadás os días 16 e 17 de outubro.

Esta sétima edición mantén a máxima puntuación dentro do calendario, e o seu percorrido retoma o da primeira edición cunha pequena modificación ao seu comezo.

En canto aos horarios, o sábado, 16 de outubro, haberá tres pasadas ás 12.00, ás 14.30 e ás 17.00 horas; e o domingo serán dúas ás 9.00 e ás 11.30 horas. Finalmente, a entrega de premios farase no Concello ás 13.30 horas.