Operadores de Estados Unidos e Canadá participan nun fam trip para coñecer o “Camiño Termal” en Ourense

Este programa de traballo está organizado pola European Historic Thermal Towns, presidida por Manuel Baltar, co apoio da European Travel Comission que se dedica a promover o “destino Europa” en mercados exteriores

Este grupo de maioristas de viaxes experimentarán parte do itinerario internacional da “Ruta Cultural Europea das Cidades Termais Históricas”, e tras coñecer enclaves termais de Portugal, visitarán a provincia de Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia e o Xacobeo 21-22

A deputada provincial de Termalismo e a xerente do Inorde foron as encargadas de darlles hoxe a benvida ás empresas participantes neste “fam trip” acompañándoas no seu percorrido pola comarca de Monterrei

A deputada provincial de Termalismo, Ana Villarino e a xerente do Inorde, Emma González, recibiron aos operadores de Estados Unidos e Canadá que chegaron hoxe á provincia de Ourense no marco dunha viaxe de familiarización. Durante os días que dura este “fam trip”, do 21 ao 29 de setembro, as empresas maioristas de viaxes coñecerán o potencial turístico termal e patrimonial de diferentes territorios da Península Ibérica, concentrándose no caso de España na provincia galega de Ourense.

Esta acción forma parte dun programa de traballo da European Historic Thermal Towns (EHTTA), presidida por Manuel Baltar, e da European Travel Comission que se dedica a promover o “destino Europa” nos mercados exteriores. Por elo, nesta ocasión, foron seleccionados profesionais do continente norteamericano para que coñezan o produto turístico termal vencellado ao patrimonio termal europeo e ao itinerario das Cidades Termais con Patrimonio Histórico. A axenda prevista para este “fam trip” na provincia de Ourense foi deseñada pola Deputación Provincial a través do Inorde coa colaboración da Xunta de Galicia e o Xacobeo 21-22, e prevé un programa con rutas que fusionan patrimonio, Camiño de Santiago, e enogastronomía combinado con termalismo.

As empresas participantes nesta viaxe de familiarización son: Avanti Destinations, Butterfield& Robinson, Protravel International, Blaycations e Sagres Vacation. Durante estes días de percorrido pola provincia de Ourense terán ocasión de coñecer ademais dos recursos termais e balnearios, grandes referentes patrimoniais vencellados ao Camiño coma a Fortaleza de Monterrei e o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira. Tamén poderán experimentar produtos turísticos de calidade tanto en aloxamentos rurais coma en hoteis balneario. Desde o punto de vista do enoturismo, coñecerán o Museo do Viño de Galicia, sito en Ribadavia e degustarán a gastronomía baseada en produtos autóctonos. O programa conta tamén coa colaboración da Eurocidade Chaves-Verín, outro dos socios da mencionada asociación EHTTA. 

Respecto á posibilidade de establecer novas oportunidades de negocio, as empresas que ofrecen experiencias e servicios turísticos na provincia terán a oportunidade de contactar con estes operadores no Workshop previsto en Termatalia durante a sesión do día 29 de setembro. Os interesados poden remitir a súa solicitude ao enderezo turismo@inorde.com.

Esta actividade “forma parte desa estratexia de traballo coa que se pretende posicionar o noso destino a nivel global, aproveitando as redes internacionais da que forma parte a provincia de Ourense, como é o caso da EHTTA, presidida por Manuel Baltar, e que promove ese factor diferencial do termalismo do noso territorio combinado co resto dos recursos cabeceira da nosa marca turística “OU”, explicou a xerente do Inorde.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email