Rosendo Fernández participa na presentación de Termatalia 2021 en Expourense

O vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández, participou hoxe, en Expourense, na presentación de Termatalia 2021 que propiciará o coñecemento e o negocio no turismo de saúde internacional entre a comunidade científica e os profesionais do sector termal no 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde e o 4º Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida, que do 15 ao 17 de setembro, reunirá a 60 expertos de 10 países para analizar os desafíos do termalismo na era poscovid.

O evento, que se celebrará nun formato híbrido entre presencial (Expourense) e virtual, continuará a posicionar a Ourense e a Galicia “como centro de capacitación profesional internacional en materia de Termalismo”, salientou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Rosendo Fernández destacou a colaboración da Deputación de Ourense na creación da programación desta edición de Termatalia. Concretamente no que atinxe á xornada do 16 de setembro, dedicada ao Patrimonio Termal, na que está incluída a presentación do proxecto “Eixo Atlántico”, así como a mesa redonda coordinada pola Asociación Europea de Cidades Históricas con Patrimonio Termal, que preside o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Nesta mesa presentaranse boas prácticas no marketing do patrimonio termal en cidades de Grecia, Austria e Francia. 

Nesta xornada tamén se analizará o cambio que se aprecia nas necesidades e preferencias que manifesta o consumidor poscovid que marca os novos retos que debe afrontar o sector e que pasan por ofrecer un turismo sostible, con valor engadido, que promova o ocio e o descanso en lugares pouco masificados e preto da natureza.

Ao fío disto, Rosendo Fernández asegurou que desde a Deputación de Ourense “estaremos moi presentes co proxecto “Raia Termal”, un programa financiado por Interreg que está a artellar un termalismo transfronteirizo como nova vía de desenvolvemento turístico”.

Os interesados en asistir a este evento poderán realizar a súa inscrición a través da web https://congreso.termatalia.com/, por un custe de 25 euros tanto se asiste de xeito virtual como presencial.

Na presentación de Termatalia 2021 tamén participou o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Flora Moure; a vicerreitora do Campus de Ourense, Esther de Blas; e o técnico do GDR-12 Ribeiro – Carballiño, Rodrigo González.

Print Friendly, PDF & Email
Neste artigo:
Compartir nas redes sociais:
Print Friendly, PDF & Email