A xerente do Inorde participa, na CEO, na presentación da app FitoVit da EVEGA, no marco da Mobile Week Ourense


A xerente do Inorde, Emma González e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa, foron as encargadas de abrir a xornada de presentación da AppFitovit que tivo lugar hoxe, na sede da CEO, a cargo do director e da responsable de viticultura da EVEGA, Juan Manuel Casares e Emilia Díaz, respectivamente.

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia lanza esta aplicación, no marco da “Mobile Week Ourense” consciente de que a sustentabilidade do viñedo require de elementos e estratexias que permitan un mellor manexo do mesmo.

Neste sentido, Emma González, felicitou á EVEGA por poñer en marcha esta ferramenta “que permitirá ao sector vitivinícola, clave no desenvolvemento económico da nosa provincia, que conta con 4 das 5 Denominacións de Orixe de Galicia, para facilitar o traballo de campo dos viticultores prevendo posibles enfermidades, demostrando unha vez máis que debemos continuar a dar pasos a un medio máis sostible aproveitando as vantaxes que nos proporciona a dixitalización”.

Desde a Evega promoveuse o desenvolvemento desta app, fundamental para prever episodios adversos relacionados con enfermidades do viñedo, con especial atención ás provocadas por fungos como o mildiu e, así, evitar posibles perdas económicas.
A aplicación FitoVit desenvólvese en tres fases. Na primeira, estableceuse unha rede interna de entidades colaboradoras, 33 entidades entre as que se atopan os cinco Consellos Reguladores Vitivinícolas de Galicia, que permitiu establecer parcelas piloto e o seguimento das enfermidades do viñedo nas distintas zonas vitícolas galegas. Nunha segunda fase validaranse modelos epidemiolóxicos empregando como base a rede de estacións do sistema público de Galicia, Meteogalicia, e os controis efectuados nas fincas piloto. Na última fase do proxecto, e validado o funcionamento da plataforma, emitiranse avisos fitosanitarios para todo o sector vitivinícola galego.