Inauguración da XLIII Festa do Pemento de Arnoia coa que colabora o Inorde


Comeza unha das festas gastronómicas de referencia para a comarca do Ribeiro, pero tamén para toda a provincia de Ourense como é a XLIII edición da Festa do Pemento de Arnoia. O Inorde colabora con esta celebración gastronómica a través da liña de axudas que concede aos concellos da provincia para accións de promoción de produtos ourensáns.

Ademais, unha vez máis, o traballo do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde poderá coñecerse grazas ao stand que estará presente durante dita festa, co obxectivo de achegar aos produtores e público interesado, o labor que realiza dito organismo e poidan demandar os servizos que así precisen.

A xerente do Inorde, Emma González, asistiu hoxe á inauguración desta celebración que recuperou o seu tradicional formato tralo fin das restricións pola pandemia.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia que pon en valor “un dos produtos cabeceira da nosa marca enogastronomía que conta con Indicación Xeográfica Protexida, achegando así calidade precisamente a ese recurso que representamos e promocionamos sa través da nosa marca turística “OU”, dixo a xerente do Inorde. 

Unha festa na que non só colaboran as institucións públicas e privadas, senón que como dixo o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, é importante destacar a implicación e colaboración veciñal cunha celebración que se mantén desde os anos 80, chegando a participar na organización ata 150 persoas.

A Festa do Pemento de Arnoia celebrarase nesta edición do 5 ao 7 de agosto ofrecendo a degustación de máis de 3.000 quilos de pementos preparados de diversas maneiras e acompañados cunha variada programación que inclúe unha concentración de vehículos clásicos, deportes, actividades para os máis cativos e música.