O Inorde súmase á celebración da XXXII edición das Festas das Sopas do Burro Canso, que estrea declaración de Interese Turístico de Galicia


O Inorde súmase á celebración da XXXII edición das Festas das Sopas do Burro Canso, que este ano estrea a declaración de Interese Turístico de Galicia. Este organismo provincial, ademais de colaborar coa celebración a través da liña de axudas a concellos para a promoción de produtos ourensáns, tamén está presente cun stand informativo para dar a coñecer o labor que desenvolve o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro na nosa provincia.

A xerente do Inorde, Emma González, felicitou ao concello de Muíños por lograr esta distinción que axilizará os trámites para lograr próximamente que sexa tamén declarada de Interese Nacional. E, ademais, lembrou o éxito da mesma que cumpre xa 32 edicións reunindo, ao redor deste produto gastronómico senlleiro, numerosas actividades pensadas para todos os públicos como Campionatos de carrilanas, xogos populares e música a cargo de diferentes grupos.

“Trátase de continuar a poñer en valor a calidade da nosa enogastronomía, máis agora que nos atopamos a 2 horas e 15 minutos de Madrid, para que se converte nun recurso máis que atraía a visitantes ao noso destino”, destacou Emma González.

Esta festa, que xa comezou onte a noite cunha actuación musical, celébrase paralelamente coa XVI edición da Festa do Galo pica no chan e IV do Becerro do Xurés ao Espeto, ambas dúas tamén contan co apoio do Inorde.