Persoal técnico do Inorde asiste ao X Congreso Nacional de mellora xenética de plantas para actualizar os coñecementos nesta materia e mellorar a calidade do servizo que se presta aos profesionais do sector


Persoal técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde está estes días a participar no X Congreso Nacional de mellora xenética de plantas que se está a celebrar en Pontevedra, co obxectivo de que poidan actualizar coñecementos nesta materia e que repercuta nunha mellora na calidade do servizo que presta este organismo aos profesionais do sector agrogandeiro da nosa provincia.

A participación neste simposio está a permitirlles coñecer novas tendencias no eido da investigación agraria (posibilitanto así o acceso do organismo a proxectos de desenvolvemento e cooperación), dotándoos de novas habilidades en relación a adopción de protocolos novidosos que permitirán ao Inorde ofertarlle aos agricultores ourensáns novas ferramentas analíticas coa fin última de mellorar a rentabilidade das súas explotacións. Outra das cuestións protagonistas analizadas durante o congreso foi a defensa do medio natural mediante o emprego e manexo das especies vexetais.

Por elo, tendo en conta a implicacion do Inorde na defensa e promoción do medio natural, a asistencia do persoal técnico deste organismo tamén permitirá artellar novos proxectos de apoio e defensa, entendendo esta liña de actuación como xeito de poñer en valor a riqueza ecolóxica da provincia.

Este Congreso nace coa idea de converterse nun referente nacional no ámbito da investigación agraria, en materia de especies hortícolas e dos seus aproveitamentos, tanto no que se refire a alimentación agraria, como no seu emprego noutros usos para a mellora do solo, biofactorías ou na loita efectiva contra pragas e enfermidades.

Ao longo destes tres días, os eixos sobre os que pivotarán as exposicións cientificas poderán resumirse en: conservación e mellora dos recursos fitoxenéticos, defensa das variedades endóxenas, implantación e mellora de protocolos para a mellora xenética de especies vexetais, determinacións analíticas encamiñadas tanto a coñecer as características nutricionais dos alimentos como asegurar a necesaria seguranza sanitaria, establecer estratexias contra o cambio climático, e a loita efectiva contra a aparición de novas pragas e enfermidades.