Presentación do festival “Espírito Ribeiro”, maridaxe de viño e natureza, en Castrelo de Miño, Arnoia e Cenlle


A xerente do Inorde, Emma González, asistiu hoxe, xunto a outros representantes institucionais, á presentación da segunda edición do festival “Espírito Ribeiro” que volverá a maridar viño e natureza, do 19 ao 21 de agosto, co apoio da Deputación de Ourense, nos municipios de Castrelo de Miño, Arnoia e Cenlle.

Un evento cultural que será o escaparate idóneo para dar a coñecer os recursos cabeceira que representa a nosa marca turística “OU”: termalismo, patrimonio, natureza e enogastronomía, nunha contorna idónea como é a do Ribeiro que conta coa Denominación de Orixe Vitivinícola máis antiga de Galicia. Todo elo, a través dun programa de actividades que inclúe concertos, degustacións e ‘showcookings’, así como deporte náutico e enoloxía.

Este “Festival de sabores” reunirá a representantes do mundo da enoloxía, a gastronomía, o produto local, e mostrará algunhas das adegas e colleiteiros desta comarca, para difundir o arraigo cultural ao redor desta Denominación de Orixe, impulsora da economía local, que asocia calidade, compromiso social, tradición e arraigo á terra.