Resolta a convocatoria de axudas para as asociacións de comerciantes da provincia que concede o Inorde


O Boletín Oficial da Provincia publicaba o pasado 4 de outubro, a resolución desta liña de axudas aberta por este organismo provincial por primeira vez, para  cooperar en accións de dinamización e promoción do comercio local realizadas por ditas entidades

O Boletín Oficial da Provincia facía público onte, 4 de outubro, a resolución da convocatoria de axudas para as asociacións de comerciantes da provincia que este ano, por primeira vez, puxo en marcha o Inorde para cooperar en accións de dinamización e promoción do comercio local realizadas por ditas entidades.

Segundo esta resolución, que mostra que se concederon axudas a todas as entidades presentadas, o reparto da partida quedou redistribuído do seguinte modo: para a Campaña de Nadal de 2022 da Asociación de Establecementos Asociados do Ribeiro destínase unha axuda de 6.000 euros; para o proxecto “Somos Carballiño”, da Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto, o importe da axuda ascende aos 5.313, 92 euros. Pola súa parte, a Asociación Empresarial de Valdeorras recibirá unha axuda de 4.921 euros para o seu proxecto de “Edición de tarxetas regalo”, mentres que a Asociacións de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos do Centro Comercial Aberto O Barco recibirá 10.681,85 para a súa campaña “Elixe O Barco”. Por último, a Asociación de Empresas e Comercios Prolimia contará cunha achega de 6.400 euros para a Feira do Comercio Prolimia, celebrada o pasado mes de agosto.

“Deste modo, as axudas foron redistribuídas entre catro comarcas da provincia (Carballiño, Valdeorras, Ribeiro e A Limia), o que nos permitiu continuar a apoiar actuacións elixidas e propostas polo propio asociacionismo. Dita colaboración contribuirá a dinamizar o comercio fundamentalmente nas nosas vilas, concretamente entre os 468 comerciantes que se beneficiarán das actuacións obxecto destas axudas”, destacou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

As bases desta convocatoria, aberta a todas as asociacións de comerciantes da provincia, recollían como proxectos obxecto de ditas axudas aquelas accións de dinamización e promoción do comercio local, entre outras, as exposicións e certames orientados á comercialización de produtos locais e ás campañas dirixidas á captación de socios e potenciais clientes.

No vindeiro exercicio de 2023, os orzamentos do Inorde aprobados ao mesmo tempo cos da Deputación de Ourense o pasado 30 de setembro, “contemplan repetir esta convocatoria co obxectivo de continuar a apoiar o comercio de proximidade e fomentar o asociacionismo na nosa provincia”, salientou Rosendo Fernández.

Para máis información: https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=228&fecha=20221004