A Deputación de Ourense, a través do Inorde, celebra os seus 25 anos ininterrompidos en Xantar promovendo dous restaurantes

Na presentación do salón gastronómico, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, afirmou que neste aniversario “redobramos esforzos sumando ao tradicional espazo dedicado á provincia e aos seus produtos de calidade un restaurante cos hostaleiros da capital”

A representación institucional da provincia no salón gastronómico inclúe a promoción dos xeodestinos Trevinca-Valdeorras e Terras de Celanova-Serra do Xurés e as accións que se están a desenvolver para as persoas interesadas en elaborar as súas producións no Centro de Transformación de Cantoña

Fernández felicitou a Expourense polo 25 aniversario “dun salón totalmente pioneiro en España” e polo que desde 1999 “apostou o Inorde, e polo tanto a Deputación, promocionando nosos produtos agroalimentarios”

Ourense, 21 de outubro de 2024.

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, celebra os seus 25 anos de asistencia ininterrompida ao Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, promovendo a presenza de dous restaurantes, “de tal xeito que redobramos esforzos sumando ao tradicional espazo dedicado á provincia e aos seus produtos de calidade un restaurante cos hostaleiros da capital”, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, na presentación de este evento gastronómico que se celebrará en Expourense entre os próximos días 24 e 27 de outubro.

Rosendo Fernández, que felicitou a Expourense polo 25 aniversario “dun salón totalmente pioneiro en España”, puxo en valor a aposta que desde 1999 vén de facer o Inorde, e polo tanto a Deputación, “pola promoción dos nosos produtos agroalimentarios”.

Unha liña de traballo que tamén ten outro importante piar na colaboración público-privada, apuntou. Así, o tradicional restaurante “Provincia Enogastronómica” conta coa cooperación de empresas punteiras como Coren e Grupos Cuevas, ao tempo que promociona o programa de Razas Autóctonas dando protagonismo este ano “aos gandeiros ourensáns especializados na produción de cordeiro de ovella galega, un dos pratos estrela deste menú, marinado con viños das catro denominacións de orixe de Ourense”. Estas novas elaboracións con base de cordeiro estarán acompañadas con Pataca de Galicia, produto vinculado ao Centro Agrogandeiro da Limia, e o pan de Cea grazas á colaboración da Indicación Xeográfica Protexida deste produto.

Con todo, Rosendo Fernández puxo énfase na colaboración coa Unión de Hostaleiros de Ourense, que suporá ofrecer aos público unha mistura entre a gastronomía tradicional e a nova cociña baixo o paraugas da marca Ourense Enogastronómica. “Un exemplo de posta en valor do motor turístico que ten que ser a cidade, apostando por un modelo de calidade que nace da cooperación entre Expourense, a Deputación de Ourense a través do Inorde e maila Unión de Hostaleiros Ourensáns.

O presidente do Inorde lembrou que a presenza da Deputación en Xantar completarase coa presenza dos dous xeodestindos turísticos que xestiona, Trevinca-Valdeorras e Terras de Celanova-Serra do Xurés, presentando produtos como viños e queixos.

Tamén terán protagonismo en Xantar dous proxectos asociados ao turismo, a produción agrícola e a dinamización do territorio: a promoción da Vía da Prata como principal itinerario xacobeo da provincia e as actuacións formativas que desenvolve o Inorde para as persoas interesadas en elaborar as súas producións no Centro de Transformación de Cantoña..

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email