A cita desenvolverase do 17 ao 19 de marzo, en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, cun variado programa de actividades que inclúe charlas, actuacións, exposicións e conferencias
A Deputación colabora -a través do Inorde- co evento que constitúe a maior concentración de mascaradas de toda a Península Ibérica
ViBoMask avoga por elaborar unha candidatura conxunta das mascaradas da Península Ibérica para entrar na lista de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO, iniciativa á que xa deu o seu respaldo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar
A VIII edición de ViBoMask continuará a enxalzar a tradición e historia etnográfica dos territorios que se dan cita nesta manifestación cultural a través dos seus grupos de mascaradas. Esta nova edición celebrarase do 17 ao 19 de marzo, nos municipios de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, cun variado programa de actividades que inclúe charlas, actuacións, exposicións, conferencias, en definitiva, unha ampla e variada programación para achegar a todos os estamentos da sociedade o seu valor cultural.
A presentación de ViBoMask 2023 tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; e o presidente da Asociación Robreda, Jorge Domínguez.
A Deputación de Ourense colabora -a través do Inorde- con este evento que constitúe a maior concentración de mascaradas de toda a Península Ibérica, coa particularidade, de recrear unhas condicións espazo-temporais similares ás de orixe da maioría das tradicións participantes.
Rosendo Fernández felicitou á organización deste festival internacional por lograr ese crecemento gradual no número de mascaradas participantes, pasando dos 16 no ano 2015 aos máis de 50 que se darán cita neste 2023, pero, sobre todo, por lograr esa proxección “das verdadeiras raíces da tradición dos nosos pobos e das súas sinais de identidade, logrando converterse nun referente a nivel internacional”. Ese gran traballo realizado durante estes anos, fixo que “a ViBoMask esperte o interese de artistas, fotógrafos e investigadores, que asisten á celebración para coñecer a etnografía do noso rural”, engadiu o vicepresidente da Deputación de Ourense.
Ademais, ViBoMask avoga por elaborar unha candidatura conxunta das mascaradas da Península Ibérica para entrar na lista de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO, iniciativa á que o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, comprometeu o apoio total da Deputación de Ourense.
Programación
O presidente da Asociación Robreda agradeceu ao Inorde a colaboración con este proxecto da ViBoMask porque “ter o apoio económico das institucións fai posible sacalo adiante e permitiu que crecera tanto nos últimos anos”. Jorge Domínguez detallou o programa do Festival que, segundo el, “está feito co sentimento e en confraternidade cos diferentes grupos participantes”.
O programa de actividades comezará o venres, 17 de marzo en Viana do Bolo, ás 12.00 horas, coa conferencia impartida polo fotógrafo Pedro G. Losada e o artesán de máscaras de Entroido, Xosé Manuel Seixas, no IES Carlos Casares. Ás 17.00 horas, terá lugar a inauguración da exposición “O Entrudio de Viana do Bolo no tempor”, na sala de exposicións do Concello. E, para rematar a xornada, ás 20.00 horas haberá foliada polas rúas e bares de Viana na que participarán: As Travesas da Mezquita, As Xeitosiñas de Baltar, a Banda de Gaitas de Vilariño de Conso, Comando, Morrazo, Charanga Alegría, Dulzaineros de Velilla de la Reina, Pastores de Casavieja, Tabernícolas e o Trío Motobomba.
Ao día seguinte, o 18 de marzo, continúan as actividades en Viana do Bolo a partir das 12.00 horas con “ViBoMarket”, un mercado de produtos típicos e artesanais que estará instalado na zona da Praza Maior. Media hora despois, comezará a sesión vermú que estará amenizada pola Charanga Fuego. O prato forte do día comezará ás 16.45 horas co desfile do VIII Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask que fará un percorrido que abrangue o campo da feira, a rúa Toural, a rúa San Roque, a Praza Maior e rematará na rúa das Mazairas. Xa pola noite, a partir das 23.00 horas, será a quenda para o ViBoMusic coas actuacións dos grupos musicais Nova Era, Guezos e SkaloPndras, na praza Maior.
O domingo, 19 de marzo, as actividades trasladaranse ao municipio de Vilariño de Conso, onde a partir das 10.30 horas comezará o ViBoMarket na zona da praza Maior e rematará ás 11.45 horas co desfile das mascaradas desta edición polas rúas do concello.
Os grupos que participarán nesta VIII edición do ViBoMask proceden de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Asturias, Cantabria, Castela e León, Castela A-Mancha, País Vasco; e de Portugal, virán de Bragança e de Viseu.