A provincia de Ourense contará co apoio dos Operadores de Receptivo no impulso turístico

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a xerente do Inorde, Emma González, reuníronse no Pazo Provincial co presidente e coa vicepresidenta da Asociación de Turoperadores de Receptivo de Galicia (Atrega), Jesús Ares e Mar Rodríguez, respectivamente, co obxectivo de impulsar un marco de cooperación para o desenvolvemento e comercialización de produtos turísticos innovadores da provincia, que ante a inminente chegada da Alta Velocidade se converterá nun destino moi competitivo. 

No encontro, Manuel Baltar explicoulles o labor que está a desempeñar a Deputación de Ourense para lograr que o Pazo Provincial se converta nun hotel balneario, onde xa comezaron os traballos de captación termal protexida como primeiro paso para lograr dito proxecto. Isto convertería a Ourense “na única cidade da Península Ibérica cun centro termal destas características nun entorno urbano”, sinalou o presidente do goberno provincial. Así mesmo, Baltar incidiu no atractivo da estación de montaña de Manzaneda, aberta a partir de agora durante todo ano para reforzar o turismo activo e familiar.  

Para o presidente de Atrega estes dous elementos serían tractores, xa que coinciden coas necesidades do novo perfil de cliente postpandemia que busca destinos tranquilos e experiencias a medida. Asemade, afirmou que Ourense é un destino turístico que aglutina recursos endóxenos coma o enoturismo, o patrimonio e a natureza co factor diferencial do termalismo que facilitará un posicionamento único deste territorio nun dos principais mercados emisores como será Madrid. Precisamente o papel das empresas desta asociación consiste en “deseñar e fabricar os paquetes turísticos que se distribúen a través de axencias tradicionais e online”, explicou Jesús Ares, que abranguen desde empresas especializadas no Camiño de Santiago, ata as que crean o concepto de “Escapadas” para pontes e fins de semana, as que xestionan grupos ou clientes individuais en mercados nacionais e internacionais, excursionismo, e no sector de eventos, congresos e incentivos. 

A través do Inorde, que ten entre os seus fins o impulso turístico da provincia, establecerase “unha liña de cooperación con Atrega para realizar ensamblaxe de produto coa oferta do sector ourensán, así como favorecer a súa introdución nas canles comerciais e a promoción a través de accións profesionais do sector”, explicou a xerente do Inorde. Este labor verase reforzada ademais coa próxima implementación da plataforma integral de contidos e as ferramentas de “bussiness inteligence” enmarcadas no proxecto de Destino Turístico Intelixente. 

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email