Constituído o grupo de traballo do Inorde e o Xeodestino Manzaneda-Trevinca

A xerente do Inorde, Emma González, acompañada polo persoal de Turismo de dita entidade, constituiron hoxe, no Salón de Plenos de Petín, o grupo de traballo do Xeodestino Manzaneda – Trevinca para avanzar no seu plan de acción deste ano co que se pretende promocionar e poñer en valor os recursos naturais, patrimoniais e enogastronómicos da zona. “O obxectivo desta xuntanza é concretar e perfilar as actividades que se desenvolverán dentro deste xeodestino, así como continuar avanzando no plano técnico respecto á planificación de accións para que, unha vez que ratifiquemos o convenio con Turismo de Galicia, xa teñamos realizado todo ese traballo previo”, explicou Emma González. Durante a xuntanza técnica, a xerente do Inorde fixo unha presentación do Plan de Acción aos técnicos ou representantes de Turismo de cada concello. E, pola súa parte, cada un dos municipios informou das novidades ou das actividades seleccionadas que queren promocionar dentro da súa oferta turística dos recursos idóneos para promover estruturados nos eixos de: enogastroturismo, patrimonio e cultura, natureza e actividades de turismo activo, turismo familiar e nichos. Así mesmo, abordouse a proposta de comunicación de cada un dos concellos para a xeración de contidos nas redes sociais, as experiencias que propoñen cada un deles para ser incluídas no programa das viaxes de familiarización e estableceuse un calendario de actividades formativas. Por último, analizouse a enquisa que se propón para realizar en destino como ferramenta que permita extraer datos que axuden na planificación turística da zona. Os concellos que integran o xeodestino Manzaneda – Trevinca son os seguintes: A Pobra de Trives, A Veiga, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras.

Print Friendly, PDF & Email
En este articulo:
Compartir en redes sociales:
Print Friendly, PDF & Email